A Real Filharmonía de Galicia celebrará no mes de maio de 2026 a terceira edición do seu Obradoiro de Composición de Obras Sinfónicas, unha iniciativa consolidada dentro da súa liña estratéxica de apoio á creación contemporánea e ás novas xeracións de compositoras e compositores. Por segundo ano consecutivo, o proxecto desenvólvese en colaboración co Festival RESIS de Música Contemporánea da Coruña.
As actividades do obradoiro terán lugar de forma presencial no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela) os días 5, 6, 7 e 8 de maio de 2026. Durante esta semana intensiva, as persoas seleccionadas traballarán directamente cunha orquestra profesional, baixo a dirección de Armando Merino e coa orientación pedagóxica do compositor José Manuel López López, nun contexto de aprendizaxe práctica e diálogo artístico.
O proceso de selección iniciouse cun chamamento internacional aberto no mes de outubro, que volveu espertar un amplo interese no ámbito da creación musical contemporánea. Entre todas as candidaturas recibidas, foron seleccionadas seis persoas compositoras procedentes de distintos países, o que reafirma a proxección internacional do obradoiro e o compromiso da RFG coa diversidade cultural e creativa. As persoas participantes nesta edición son:
- Arsen Babajanyan (Armenia)
- Mar Caballer Llopis (España)
- Maria Vincenza Cabizza (Italia)
- Humberto Díaz Galindo (España)
- John Franek (Estados Unidos)
- Andrés Poveda (Colombia)
Ao longo do obradoiro, as compositoras e compositores terán a oportunidade de ensaiar as súas obras, debater cuestións técnicas e artísticas e afondar no coñecemento do traballo orquestral desde dentro, nunha experiencia pouco habitual nas primeiras etapas da carreira profesional.
O proceso culminará cun concerto aberto ao público, que terá lugar o venres 8 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia, con entrada gratuíta. No programa interpretaranse as obras desenvolvidas durante o taller pola Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Armando Merino.
Con iniciativas como o Obradoiro de Composición RFG / RESIS.LAB, a Real Filharmonía de Galicia reafirma o seu compromiso coa creación sinfónica actual, coa formación avanzada e co apoio decidido ao talento emerxente, contribuíndo á renovación do repertorio e ao fortalecemento do ecosistema musical contemporáneo desde Galicia cara ao mundo.


