A Real Filharmonía de Galicia únese á celebración do Día das Letras Galegas que este ano homenaxean a Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010) cun concerto este martes 16, véspera do Día das Letras no Teatro Afundación de Vigo (20.30h). Será a 13ª edición desta cita que organiza o Consello da Cultura Galega.
Neste recital levará a batuta o mestre Maximino Zumalave e nel, a Real Filharmonía de Galicia actuará acompañada polo Coro Rías Baixas, dirixido por Bruno Díaz.
O programa será tamén unha viaxe pola xeografía de Fernández del Riego e fai un aceno aos tempos do Seminario de Estudos Galegos e o exilio republicano e comezará por La leyenda del beso de Reveriano Soutullo e Juan Vert para dar paso ao Concerto grosso de Jesús Bal y Gay e rematar cunha obra de nova creación, a Sinfonietta do compositor vigués Brais González Pérez.
A Sinfonietta, de Brais González Pérez, é unha obra orixinal para coro e orquestra composta por encarga do Consello da Cultura Galega sobre textos de Salvador García-Bodaño e Xaime Isla Couto dedicados a Francisco Fernández del Riego
O concerto será retransmitido en directo pola web do Consello da Cultura Galega (consellodacultura.gal) e ao día seguinte pola segunda canle da Televisión de Galicia.