A Real Filharmonía de Galicia explora os límites do son co programa “Fendas do silencio”

O concerto, en colaboración co Festival RESIS, terá lugar o xoves 30 de abril ás 20:30h no Auditorio de Galicia

Estrearase en España a obra VOID, da premiada compositora Rebecca Saunders e farase a estrea absoluta de Negra Sombra, de Franciso Domínguez

Ás 18:00h haberá un faladoiro, “Laboratorio de resonancias”, na Sala Angel Brage. O acceso a esta actividade está incluído coa entrada do concerto

A Real Filharmonía de Galicia presenta Fendas do silencio, un concerto que abre novas perspectivas arredor da creación musical contemporánea. A cita, en colaboración co Festival RESIS, terá lugar o xoves 30 de abril ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia.

Dirixido por Josep Planells, o concerto contará coa participación destacada dos percusionistas Noè Rodrigo Gisbert e Adélaïde Ferrière, intérpretes especializados no repertorio contemporáneo e recoñecidos pola súa versatilidade e capacidade expresiva. O programa inclúe a estrea absoluta de Negra sombra de Francisco Domínguez, unha encarga da RFG para o seu proxecto “Cometas”, a estrea en España de VOID de Rebecca Saunders e Coma Berenices de Francisco Guerrero.

Rebecca Saunders, unha das compositoras máis recoñecidas da súa xeración, desenvolve unha linguaxe centrada nas propiedades físicas e espaciais do son. En VOID, obra inspirada nos textos de Samuel Beckett, a autora constrúe unha paisaxe sonora única ao combinar momentos de extrema fraxilidade con explosións de tensión. A peza require un diálogo constante coa percusión, elemento clave nesta interpretación.

Pola súa parte, Domínguez propón en Negra sombra unha reinterpretación contemporánea da tradición galega, mentres que Guerrero leva ao límite as posibilidades da orquestra mediante estruturas inspiradas na ciencia e na xeometría fractal.

Como actividade complementaria, o mesmo día do concerto terá lugar o Laboratorio de resonancias ás 18:00 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia. Este encontro propón unha exploración práctica dos instrumentos e técnicas que configuran o universo sonoro de VOID, abordando cuestións como a vibración, a textura e a tensión, así como o papel da percusión na creación contemporánea. O faladoiro estará conducido polos propios solistas, Noè Rodrigo Gisbert e Adélaïde Ferrière.

O acceso a esta actividade está incluído coa entrada do concerto e está especialmente dirixido a alumnado de conservatorios e público xeral interesado. Os centros educativos que desexen asistir con grupos poden contactar a través do correo info@rfgalicia.org.

Ademais, ás 19:45 horas, o público tamén poderá asistir a un preconcerto na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, a cargo do alumnado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais, que interpretará o Cuarteto de corda No.1, en Fa M Op.18 de Ludwig van Beethoven e o Cuarteto de corda No. 7 in FA m, Op. 108 de Dmitri Shostakovich.

Entradas á venda
As entradas teñen un prezo de 18€ e con descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, maiores de 65 anos, estudantes, menos de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas e poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo).