A Real Filharmonía de Galicia estrea a obra Schattenhaft do compositor galego Hugo Gómez-Chao

Será en tres concertos en Vigo, Santiago e Ferrol nos que tamén se interpretará o Idilio de Sigfrido de Richard Wagner e a Sinfonía núm. 3 de Franz Berwald

A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana tres novos concertos da súa temporada ‘Migracións’ que levarán por nome O son que latexa. Serán en Vigo, Santiago e Ferrol e neles estrearase unha obra encargada pola propia orquestra ao compositor galego Hugo Gómez-Chao, titulada Schattenhaft.

O programa do evento inclúe esta composición, así como o Idilio de Sigfrido, de Richard Wagner, e a Sinfonía núm. 3 “Singulière”, de Franz Berwald. Interpretaranse o mércores 22 no Teatro Afundación de Vigo (20h), o xoves 23 no Auditorio de Galicia (20:30h) de Santiago e o venres 24 no Auditorio de Ferrol (20:30h).

O mestre Baldur Brönnimann, director titular e artístico da Real Filharmonía, serán quen leve a batuta neste evento.

Antes do concerto do Auditorio de Galicia, ás 19:45h, tanto Baldur como Hugo Gómez-Chao dialogarán cos asistentes nunha nova cita do ciclo ‘Conversando con…’.

Estrea absoluta
Schattenhaft desenvólvese nunha atmosfera intimista que traslada o universo poético dos corpos en resonancia ao mundo dos sons, xogando coa idea da ausencia, da presenza e da lembranza.

Foi composta por encargo da Real Filharmonía de GAlicia a Gómez-Chao, quen a escribiu durante a súa estadía como compositor residente da Real Academia Española en Roma durante o pasado ano. Estudou composición con David del Puerto no Centro Superior de Música Katarina Gurska de Madrid e, posteriormente, estudos de máster con Beat Furrer na Kunstuvniversität de Graz e Ramón Lazkano no Musikene de San Sebastián. Ademais, foi galardoado con premios como o Primeiro Premio de Compositores Mozos da Fundación SGAE-CNDM “Xabier Montsalvatge” e a mención de honra do Colexio de España en París.

Entradas á venda
As entradas para os concertos de Vigo e Ferrol poden mercarse a través da plataforma Ataquilla, a un prezo que vai desde os 11,70€ no caso da cidade olívica, e a 15€ na cidade departamental. Para o concerto en Santiago as entradas poden mercarse no despacho de billetes da Zona C ou na web de Compostela Cultura a un prezo de 15€.