A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana, en Vigo e Santiago, un novo concerto do ciclo (EN)FOCO. O obxectivo deste formato é facilitar a comprensión das obras máis contemporáneas. Deste xeito, ademais da estrea dunha obra encargada pola propia orquestra, os espectadores terán a oportunidade de profundar os seus coñecementos coa axuda das explicacións da musicóloga Rosa Fernández.
Baixo o título Ondas de inspiración, a cita desta semana terá lugar o xoves 7 en Vigo (20h) e o venres 8 en Santiago (20:30h). Os concertos do ciclo (EN)FOCO son gratis para todas as persoas abonadas.
Ademais da obra encargada pola propia orquestra ao compositor galego Jacobo Gaspar, De mar a mar, o programa do evento inclúe tamén a Danses Concertantes de Igor Stravinski e, na segunda parte do concerto, escoitarase a segunda Sinfonía de Schumann. Na ocasión, será a directora alemá Johanna Malangré, que destaca pola súa musicalidade contaxiosa e o seu liderado imaxinativo, quen levará a batuta.
Académica por Barcelona da Real Acadèmia de Bellas Artes e doutora cum laude en Musicoloxía pola Universitat Autònoma de Barcelona (UAB), Rosa Fernández encargarase de facilitar o entendemento a aquelas persoas que se queiran achegar á música clásica.
Estrea absoluta
O concerto ábrese cunha estrea absoluta, De mar a mar, do compositor galego Jacobo Gaspar. Trátase dunha obra que busca explorar as diversas posibilidades expresivas do son a través de texturas e referencias poético-musicais.
Foi composta por encargo da Real Filharmonía de Galicia e reflicte as características do seu autor, quen parte da modernidade e aposta por unha expansión dos medios e das técnicas instrumentais, a través de novas liñas de traballo cos intérpretes, na busca de crear unha concepción de escoita pensada en dilatar a experiencia sensorial do espectador.
Entradas á venda
As entradas para os concertos do Teatro Afundación, en Vigo, poden mercarse a través da plataforma Ataquilla desde os 11,70€. Para o concerto no Auditorio de Galicia, en Santiago, as entradas poden mercarse no despacho de billetes da Zona C ou na web de Compostela Cultura a un prezo de 10€. Cómpre indicar que o concerto en Santiago será de balde para todas as persoas abonadas.