A Real Filharmonía de Galicia estrea a obra Ceci n’est pas une valse da compositora residente Raquel García-Tomás

Trátase dunha obra co-encarga entre a Real Filharmonía de Galicia, o Palau da Música Catalana, a Orquestra Simfònica del Vallès e a Fundació Catalunya-La Pedrera 

O programa, dirixido polo mestre titular Baldur Brönnimann, tamén inclúe a Sinfonía núm. 4 de Anton Bruckner, “Romántica”

As actuacións terán lugar os días 7 e 8 de novembro, en Santiago e Vigo, respectivamente

O director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, Baldur Brönnimann, empuñará a batuta esta semana para conducir o espectáculo “Romántica”, cuxo protagonismo corre a cargo da estrea absoluta da obra Ceci n’est pas une valse, da compositora residente Raquel García-Tomás. A idea por tras da partitura é xogar co público, ao compartir moitos dos códigos sonoros que adoita coñecer a audiencia, co fin de facerlles partícipes do propio enredo proposto na composición.

A través destas referencias, a compositora crea unha obra divertida e curiosa que busca o vínculo e a complicidade entre os pequenos detalles do valse sinfónico de finais do século XIX para, a partir de aí, sacalos de contexto e convertelos nunha masa sonora distinta. Consiste nunha forma diferente de experimentar co xénero onde o público, probablemente, saberá recoñecer algúns dos movementos tocados pola orquestra.

Ademais da composición de Raquel García-Tomas, unha obra co-encarga entre a Real Filharmonía de Galicia, o Palau da Música Catalana, a Orquestra Simfònica del Vallès e a Fundació Catalunya-La Pedrera, esta semana a Real Filharmonía de Galicia presenta tamén a Sinfonía núm. 4 de Anton Bruckner. Coñecida como “Romántica”, a obra amosa o amor de Bruckner pola natureza desde a óptica dun wagneriano devoto.

O frescor e a autenticidade da poliédrica Raquel García-Tomás únese á tradicional e xa coñecida melodía de Anton Bruckner nun programa contrastante e variado, que fai parte da temporada de abono 2024-2025 da RFG, “Inconformistas”.

Unha galardoada compositora
Malia súa pouca idade, a compositora residente da Real Filharmonía de Galicia, Raquel García-Tomás, dispón dun currículo digno dunha das creadoras máis importantes do país na actualidade.

En 2020 foi galardoada co Premio Nacional de Música “polo carácter interdisciplinar, innovador e arriscado dunha linguaxe compositiva singular e propia”. En 2017 recibiu o Premio El Ojo Crítico de Música Clásica de RTVE “pola orixinalidade das súas formulacións e polo uso e combinación da linguaxe compositivo con linguaxes tecnolóxicas e audiovisuais”.

Recentemente recibiu o Premi Nacional de Cultura 2024 (Generalitat de Catalunya) “pola súa excelencia na composición musical, froito dunha sólida formación e aptitude para a innovación contemporánea, que lle permiten conseguir o equilibrio entre experimentación sonora e visual sen perder a capacidade de emocionar a un público amplo”.

Entradas á venda
En total, serán dúas as ocasións nas que o público poderá gozar deste espectáculo: a primeira delas no Auditorio de Galicia, o día 7 de novembro, ás 20:30 h. As entradas poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo)  a un prezo de 18€.

Por outra banda, as entradas para o concerto de Vigo, o día 8 de novembro no Centro Cultural Afundación (20:00 h) están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla desde os 13,30€.