A Real Filharmonía de Galicia volve achegar a música sinfónica ao público infantil con “O bosque de Grimm”, un espectáculo da compañía teatral La Maquiné que convida a redescubrir a maxia dos contos clásicos a través da música de Maurice Ravel. A proposta contará cun total de cinco funcións, catro delas dirixidas a escolares e unha quinta aberta ao público familiar, que terá lugar o sábado 31 de outubro, ás 18:00 horas, no Auditorio de Galicia. As entradas para esta última función teñen un prezo de 5 euros e están dispoñibles na web de Compostela Cultura.
Esta será a terceira colaboración entre a RFG e La Maquiné, compañía recoñecida pola súa capacidade para crear universos escénicos cheos de imaxinación e beleza. Os encontros anteriores, con “Parade, o Circo dos Valentes” e “Son Salvaxe”, tiveron unha excelente acollida entre o público infantil, que puido descubrir a música en directo a través de propostas escénicas sorprendentes. Con “O bosque de Grimm”, ambas as entidades volven apostar por unha experiencia que combina a forza da música coa capacidade evocadora das artes escénicas.
Creado por Joaquín Casanova e Elisa Ramos, o espectáculo toma como punto de partida a suite Ma mère l’Oye (Miña nai a Oca), de Maurice Ravel, inspirada no universo dos contos de fadas. A través da música, o teatro xestual, os monicreques e as proxeccións, o público percorre algúns dos relatos máis coñecidos da tradición popular, como Carapuchiña Vermella, Polgariño ou Brancaneves. Sen necesidade de palabras, a proposta constrúe unha narración visual na que os sons, os movementos e as imaxes dan vida a personaxes e paisaxes imaxinarias.
La Maquiné desenvolve un traballo escénico dirixido especialmente ao público novo, no que a linguaxe plástica, o xesto e a música ocupan un lugar central. A súa traxectoria inclúe o Premio Max 2014 ao mellor espectáculo infantil por “O bosque de Grimm”, así como outros recoñecementos que avalan a calidade artística dunha proposta que continúa a achegar os contos tradicionais ás novas xeracións desde unha mirada actual.
A música sinfónica, unha porta aberta á imaxinación
Achegar a orquestra ao público infantil é unha das liñas de traballo fundamentais da Real Filharmonía de Galicia. Para moitos nenos e nenas, asistir a un concerto da formación supón o primeiro contacto cunha orquestra sinfónica profesional e a oportunidade de descubrir, en directo, a riqueza dos instrumentos e as posibilidades expresivas da música. Propostas como “O bosque de Grimm” permiten establecer esa primeira conexión a través dunha linguaxe escénica próxima, estimulante e accesible, na que a música se converte nunha experiencia compartida por toda a familia.
Con esta nova colaboración, a RFG reafirma o seu compromiso coa formación de novos públicos e coa creación de experiencias que espertan a curiosidade musical desde a infancia. Unha invitación a entrar no bosque, deixarse levar pola imaxinación e descubrir que os contos de sempre tamén poden soar dunha maneira diferente.


