A Real Filharmonía de Galicia e “El Barroquista” presentan “Playlist RFG”: unha viaxe polas emocións a través da música clásica

O xoves 23 e o venres 24 haberá pases exclusivos para os centros educativos que o solicitaron mentres que o sábado 25, ás 18:00 h, terá lugar no Auditorio de Galicia, un concerto familiar, aberto ao público, a un prezo de 3€

O programa inclúe obras de Biber, Händel, Beethoven, Florence Price, Strauss, Amy Beach, Herrmann, Weber e Morricone

O sábado 25 de outubro, ás 18:00 h no Auditorio de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia únese ao historiador da arte e divulgador cultural Miguel Ángel Cajigal, tamén coñecido como “El Barroquista”, nun concerto familiar baixo o título Playlist RFG. Ao prezo de 3€, este espectáculo pretende demostrar que a música orquestral é capaz de espertar, modular e transformar os nosos estados de ánimo.

Unha “playlist” emocional para crear memoria musical
O influencer galego “El Barroquista”, quen actúa como narrador do espectáculo, convida o público a percorrer diferentes paisaxes emocionais mediante a música orquestral. A partir da metáfora destas listas de reprodución que adoitamos escoitar no noso día a día — cancións que escollemos segundo o noso estado de ánimo—, este concerto manifesta que cada composición tradúcese nun universo de intencións, sentimentos e historias para recordar.

O concerto estrutúrase en segmentos que representan distintos estados de ánimo: a tensión, a diversión, o amor e mesmo a dor. Deste xeito, a Real Filharmonía de Galicia, baixo a batuta do seu director asistente, Sebastian Zinca, pon música a esa idea narrativa, nunha proposta que durará aproximadamente 60 minutos e combinará momentos intensos, emotivos ou luminosos con breves momentos narrativos para entender os sons e sentimentos evocados.

As obras e os compositores
O concerto Playlist RFG reúne algunhas das páxinas máis emblemáticas da historia da música orquestral, nun percorrido que transita por estilos, épocas e emocións moi distintas. Soarán desde a Battalia de Heinrich von Biber, unha audaz recreación sonora dunha batalla para cordas do século XVII, ata a espectacular Victoria de Wellington de Beethoven, unha composición chea de efectos e enerxía épica. A frescura e elegancia da Música acuática de Händel convivirá coa forza rítmica e colorista do movemento Juba Dance da compositora afroamericana Florence Price, mentres que a chispeante Tritsch-Tratsch Polka de Johann Strauss Jr. achegará un toque de humor e vitalidade.

Tamén se escoitará a narrativa romántica da apertura de Der Freischütz de Carl Maria von Weber, a delicada espiritualidade de Gabriel’s Oboe de Ennio Morricone —coñecida pola súa presenza no cinema— e a evocadora Invocation de Amy Beach, arranxada polo director Sebastian Zinca. O suspense cinematográfico chega da man de Bernard Herrmann coa suite de Psycho, mentres que a beleza contemplativa de The Beatitudes de Vladimir Martynov e a intensidade emocional do Allegretto da Sinfonía nº 7 de Beethoven albergan un aura solemne que busca espertar a conmoción do público presente.

Entradas á venda
As entradas poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo) a un prezo de 3€.