O vindeiro 3 de outubro, o Auditorio de Galicia acollerá unha nova edición do proxecto Sensoxenoma, unha iniciativa única que une arte e ciencia para demostrar como a música pode modificar a bioloxía humana, dende os xenes ata a microbiota.
A Real Filharmonía de Galicia e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela serán as protagonistas dun concerto pensado especialmente para a ocasión, que explorará o impacto das emocións musicais en persoas con autismo, demencia e dano cerebral, así como en voluntarios sen patoloxías previas.
Este ano, Sensoxenoma 2025 dá un paso máis no seu espírito de inclusión total, incorporando innovacións como mochilas vibratorias para persoas xordas, dispositivos de monitorización fisiolóxica en tempo real e a participación directa de asociacións de pacientes.
A cita, consolidada xa como referente cultural e científico, reafirma o compromiso da RFG e da Banda Municipal co papel transformador da música, non só como expresión artística, senón tamén como ferramenta de saúde e benestar.
As entradas para o concerto xa están dispoñibles na web de Compostela Cultura.


