Este venres, día 3 de outubro, a Real Filharmonía de Galicia e a Banda Municipal de Santiago ofrecerán un concerto no Auditorio de Galicia dentro do marco do proxecto Sensoxenoma. Interpretarase un repertorio sorpresa, seleccionado especialmente para a ocasión, co fin de estimular diferentes emocións no público asistente.
Antes, durante e despois do concerto serán recollidas mostras de sangue, saliva e bágoas, cedidas por doantes voluntarios, para analizar e comparar o impacto da música como ferramenta de promoción da saúde e benestar. Ademais, será posible examinar a actividade electrodérmica e a frecuencia cardíaca dos participantes do estudo grazas á utilización de sensores facilitados pola Facultade de Psicoloxía da Universidade do Minho.
Cómpre indicar que este ano, Sensoxenoma 2025 buscar dar un paso máis no seu espírito de inclusión total, ao incorporar mochilas vibratorias para persoas xordas, dispositivos de comprobación fisiolóxica en tempo real e a participación directa de asociacións de pacientes.
O concerto terá lugar ás 19:30 h no Auditorio de Galicia e contará con dúas partes de 30 minutos, nas que se buscará estimular distintas emocións. Na primeira delas, será o director asistente da Real Filharmonía de Galicia, Sebastian Zinca, quen levará a batuta. E na segunda metade do espectáculo, o director da Banda Municial de Santiago, Casiano Mouriño, quen se encargará de conducir aos músicos.
Para máis información sobre o estudo Sensoxenoma 2025 pódese consultar a páxina web do proxecto Sensoxenoma.
Entradas á venda
As entradas para o concerto Sensoxenoma 25 poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio de Galicia (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo) a un prezo de 5€.


