A Real Filharmonía de Galicia e a Banda Municipal de Música de Santiago volverán compartir escenario no marco de Sensoxenoma26, o proxecto que desde hai cinco anos une música, ciencia e cultura. O concerto celebrarase o venres, 25 de setembro, ás 19:30 h, no Auditorio de Galicia, coincidindo co quinto aniversario da iniciativa.
Sensoxenoma nace coa vontade de explorar a relación entre a música e as persoas a través da “sensoxenómica”, unha disciplina científica emerxente que estuda como os estímulos sensoriais, especialmente a música, poden influír no funcionamento dos nosos xenes. Para iso, o proxecto realiza diferentes experiencias en contornos controlados, como os concertos de Sensoxenoma, nos que se recollen mostras de persoas participantes antes e despois de escoitar música en directo para analizar os cambios que se producen. Detrás desta iniciativa hai un equipo multidisciplinar no que colaboran profesionais de ámbitos como a bioloxía, a xenética, a medicina, as matemáticas e a música, entre outros.
Nesta quinta edición, o concerto estará dirixido por Roberto Baltar e contará tamén coa participación do recoñecido musicólogo, escritor e xornalista Martín Llade, presentador do programa Sinfonía de la Mañana, de Radio Clásica, e Premio Ondas 2026.
Como en edicións anteriores, o concerto contará coa participación de persoas voluntarias que colaborarán no estudo Sensoxenoma. Trátanse de duascentas persoas do público que participarán como doantes de sangue, saliva e bágoas grazas á colaboración con 12 asociacións de pacientes e cos voluntarios que se inscriban a través da web do proxecto. A experiencia desenvolverase ao redor da música en directo e permitirá seguir avanzando nun proxecto que explora a relación entre música, emoción e benestar.
Sensoxenoma26 celebra así o seu quinto aniversario xunto ás institucións e entidades que fan posible esta iniciativa, entre elas a Real Filharmonía de Galicia, a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, o Concello de Santiago, o Consorcio de Santiago, a Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e o Auditorio de Galicia.
Entradas esgotadas
As entradas para asistir ao concerto Sensoxenoma26 xa están esgotadas, polo que non quedan localidades dispoñibles para o público xeral.
Para máis información sobre o proxecto Sensoxenoma pódese consultar a súa páxina web: www.sensogenomics.com.


