A Real Filharmonía de Galicia, baixo a batuta do seu director titular e artístico, Baldur Brönnimann, presenta esta semana o primeiro concerto da súa nova temporada, titulada Historias. Este novo capítulo propón un xogo de significados entre as Historias con maiúscula —que evocan o pasado e os acontecementos que nos precederon— e as historias con minúscula, as narrativas contemporáneas que vivimos e compartimos no presente. A través da música, a orquestra convida a reflexionar sobre a relación entre memoria e actualidade, entre o que fomos e o que somos.
No marco da celebración do seu 30º aniversario, a vindeira programación aposta polo talento galego, a creación contemporánea e pola proxección da orquestra cara ao futuro. Neste eido, ao longo dos próximos 22 programas que constitúen a súa nova temporada, a Real Filharmonía de Galicia enaltecerá o talento de solistas galegos, como é o caso de Diego Ares, referente internacional do clave; Raquel Areal, violinista da Filarmónica de Berlín; Andrea Rey, mezzosoprano; Esteban Batallán, trompeta principal da Orquestra Sinfónica de Chicago e tamén Silvia Rozas, frauta solista da Ópera de Hamburgo.
Así, para dar inicio a este novo relato que repasará a súa traxectoria e achegará outras tantas historias ao público de 16 cidades arredor de Galicia, a RFG presenta esta semana o seu primeiro concerto: “Deixa que che conte”, un espectáculo que conta coa participación da solista Ilse Eerens, quen interpretará a obra Let me tell you, de Hans Abrahamsen.
O público presente terá a ocasión de escoitar a estrea absoluta da obra, Laberintos de ámbar, da compositora Inés Badalo. Trátase da primeira das 16 obras breves encargadas pola Real Filharmonía de Galicia para conmemorar a súa efeméride. O proxecto, titulado “Cometas”, busca iluminar cada semana da programación cunha obra nova, funcionando como pequenas cápsulas sonoras de innovación e diversidade estética.
A segunda parte do concerto estará a cargo da primeira sinfonía de Piotr Ilich Chaikovski, tamén coñecida como “Soños de inverno”.
Unha recoñecida solista
Ilse Eerens é unha soprano belga recoñecida polas súas interpretacións tanto no repertorio operístico como no de concerto. A súa carreira levouna a importantes escenarios internacionais como a Opéra de Lyon, Salzburger Festspiele, La Monnaie de Bruxelas, Teatro Colón de Bos Aires, Teatro dell’Opera di Roma e o Adelaide Music Festival en Australia.
Entradas á venda
As entradas para o concerto de Santiago poden mercarse na Zona C e na web compostelacultura.gal a un prezo de 18€. Ademais, ás 19:45h, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, Baldur Brönnimann e Inés Badalo falarán sobre as obras interpretadas nunha nova edición do ciclo ‘Conversando con…’, unha iniciativa promovida pola RFG para achegar aínda máis o seu público ao universo da música clásica xunto aos protagonistas dos concertos.
Por outra banda, as entradas para o concerto de Ferrol, o día 10 de outubro no Auditorio de Ferrol (20:30 h) están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla desde os 17,60€.


