A Real Filharmonía de Galicia presenta Impresións nocturnas, un concerto que convida o público a transitar por distintos universos sonoros marcados pola suxestión, a introspección e a evocación poética. A proposta, dirixida por Johanna Malangré e coa pianista Alexandra Dariescu como solista, poderá escoitarse o xoves 22 de xaneiro no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, e o venres 23 de xaneiro no Auditorio de Ferrol.
O programa constrúese arredor do impresionismo francés e coincide co 150 aniversario do nacemento de Maurice Ravel. Abrirase coa Pavana para unha infanta defunta, unha obra de atmosfera melancólica e refinamento tímbrico que evoca unha escena idealizada da corte española, seguida do Concerto para piano en Sol maior, no que o compositor amosa a súa faceta máis luminosa, rítmica e irónica, incorporando influencias do jazz e unha brillante escrita pianística que será defendida por Alexandra Dariescu como solista.
Na segunda parte, o programa afondará en distintas visións sonoras da noite e da evocación poética. Escoitarase en primeiro lugar a estrea en España de Stars, da compositora estadounidense Mary Howe, un breve poema sinfónico inspirado na contemplación do ceo nocturno e concibido como unha evocación da inmensidade, o misterio e a beleza do espazo.
A continuación soará a estrea absoluta de recurrance, de Lula Romero, unha nova achega da serie de encargos “Cometas” onde a compositora explora a repetición e o fluxo continuo a través dun motivo obsesivo que se transforma e se fragmenta ao longo da orquestra, xerando unha sensación de movemento perpetuo e inestabilidade. O concerto pecharase coa Suite de Pelléas et Mélisande, Op. 80 de Gabriel Fauré, unha obra de fondo lirismo baseada na peza teatral de Maurice Maeterlinck, na que a orquestra debuxa delicadas atmosferas.
A dirección musical corre a cargo de Johanna Malangré, unha das batutas europeas máis destacadas da súa xeración, recoñecida pola súa claridade interpretativa e polo seu compromiso coa música do noso tempo. Desde 2022 é directora musical da Orquestra de Picardía (Francia) e colabora habitualmente con formacións sinfónicas de toda Europa, combinando repertorio clásico e contemporáneo con naturalidade e coherencia artística.
Como solista participa a pianista Alexandra Dariescu, intérprete de prestixio internacional que actúa regularmente coas principais orquestras europeas e que destaca tanto polo seu virtuosismo como pola súa capacidade comunicativa. Comprometida coa difusión da música clásica a novos públicos, Dariescu desenvolve tamén proxectos escénicos innovadores que amplían os límites do concerto tradicional.
Antes do concerto de Santiago, o público poderá asistir ao encontro “Conversando con…”, no que participarán Johanna Malangré e Lula Romero, o 22 de xaneiro ás 19:45 h na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, unha oportunidade para afondar nas claves do programa e no proceso creativo da obra de estrea.
As entradas teñen un prezo de 18€ e con descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, maiores de 65 anos, estudantes, menos de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas e poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo).
Por outro lado, para o concerto de Ferrol, poden mercarse as entradas a través da plataforma Ataquilla desde 17,60€.


