A Real Filharmonía de Galicia celebra o proxecto colaborativo “Cantamos!” con coros de Galicia

Máis de 200 coristas participan dos últimos concertos da RFG do ano 2024

O mestre viveirense Javier Fajardo dirixirá os concertos nos que participarán o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, seis coros e catro solistas galegos

Os asistentes terán a ocasión de escoitar fragmentos do Mesías de Händel e tamén do Gloria de Vivaldi

Os días 19 e 20 de decembro o Auditorio de Galicia acollerá o proxecto colaborativo Cantamos! da Real Filharmonía de Galicia. Será dirixido por Javier Fajardo e contará coa actuación da soprano Susana García Pico, a mezzosoprano Charlene Harriswangler, o contratenor Alberto Miguélez-Rouco e o barítono Lucas López, todos eles novos cantantes de Galicia.

Trátase dun proxecto de carácter social onde a Filharmonía aposta por abrirse á sociedade e estreitar lazos coa comunidade. Neste aspecto, a orquestra compostelá quere consolidarse como unha entidade musical aberta ao convidar coros de toda a Galicia para participar deste espectáculo único.

En total serán 209 as voces que acompañarán aos solistas: ademais do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, participarán tamén o Coro Asubío, o Coro Cardenal Quiroga Palacios, o Coro CMUS de Ourense, o Coro da Escola Municipal de Música de Santiago, o Coro Harmonia Stellae e o Coro de Cámara Thalassa.

Estes serán os dous últimos concertos do ano 2024 da Real Filharmonía de Galicia: o xoves 19 e o venres 20.

Ambos terán lugar no Auditorio de Galicia, ás 20:30h, e neles interpretaranse fragmentos do Mesías de Händel e do Gloria, de Vivaldi. O xoves 19 o director Javier Fajardo dialogará co público ás 19:45h, nunha nova edición de ‘Conversando con’, o ciclo de coloquios do Auditorio de Galicia cos protagonistas das actuacións.

Debido ao interese suscitado entre o público para este proxecto colaborativo entre a Real Filharmonía de Galicia e os coros galegos, quedan poucas entradas dispoñibles. Os interesados poden mercalas na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só os días dos concertos dende unha hora antes do seu comezo) a un prezo de 15€.