A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos en Santiago e Lugo

A orquestra interpreta o programa “Irmandade” con catro obras que conectan tradición, innovación e novas voces creadoras

Baldur Brönnimann dirixe un programa que inclúe a estrea absoluta dunha obra encarga da RFG, Arborescente, de Carme Rodríguez

A Real Filharmonía de Galicia presenta esta semana o seu novo programa, “Irmandade”, un percorrido musical que une xeracións, estilos e sensibilidades a través de catro obras de destacadas figuras da creación internacional. Os concertos terán lugar o 4 de decembro ás 20:30 h no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela) e o 5 de decembro ás 20:00 h no Círculo das Artes (Lugo), baixo a dirección do director titular e artístico da RFG, Baldur Brönnimann.

Como antesala ao concerto de Santiago, o público poderá participar no ciclo “Conversando con…”, un encontro aberto con Baldur Brönnimann e coa compositora Carme Rodríguez, que terá lugar na Sala Mozart ás 19:45 h. Un espazo pensado para compartir ideas, coñecer de preto o proceso creativo e ofrecer unha experiencia máis ampla arredor da música.

O programa desta semana propón unha viaxe musical que conecta distintas xeracións, estilos e sensibilidades a través das obras de tres compositoras e un compositor. Desde a espiritualidade minimalista de Arvo Pärt, con Fratres (do latín, irmáns), ata a forza expresiva do Concerto para orquestra de corda, de Grazyna Bacewicz, pasando pola creación máis recente coa estrea absoluta de Arborescente de Carme Rodríguez, e culminando coa elegancia romántica da Sinfonía nº 3 de Louise Farrenc. Un diálogo entre tradición e modernidade que revela a diversidade e riqueza da música escrita ao longo de máis dun século.

Baldur Brönnimann, un director comprometido coa música do noso tempo
O director suízo Baldur Brönnimann é coñecido internacionalmente pola súa dedicación á música actual e polo seu enfoque dialogante co público e cos creadores actuais. Ao longo da súa traxectoria dirixiu formacións de referencia como a BBC Philharmonic, Oslo Philharmonic, Ensemble Modern ou Philharmonia Orchestra, desenvolvendo proxectos innovadores e forxando pontes entre repertorios históricos e linguaxes actuais. Desde a súa chegada á Real Filharmonía de Galicia como director titular e artístico, impulsou unha programación diversa, aberta e comprometida coa creación viva, coa pedagoxía e coa proximidade á cidadanía.

Entradas á venda
O público poderá gozar deste programa en dúas ocasións: a primeira delas no Auditorio de Galicia, o día 4 de decembro, ás 20:30 h. As entradas poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo) a un prezo de 15€.

Por outra banda, as entradas para o concerto de Lugo, o día 5 de decembro no Círculo das Artes (20:00 h), están dispoñibles nas oficinas do Círculo das Artes ou mesmo a través do correo electrónico filarmonicadelugo@gmail.com desde os 20€ para persoas non socias.