A Real Filharmonía de Galicia celebra en 2026 o seu 30 aniversario cunha programación especial que combina memoria, recoñecemento e mirada cara ao futuro. O concerto conmemorativo do vindeiro 28 de febreiro en Santiago de Compostela será un dos momentos centrais desta celebración, concibido como un percorrido pola traxectoria da orquestra e ás persoas que fixeron posible o seu desenvolvemento ao longo de tres décadas.
Fundada en 1996 co obxectivo de converterse nun proxecto cultural estable ao servizo da cidade e do país, a Real Filharmonía de Galicia consolidouse como unha das institucións musicais de referencia en Galicia e no ámbito estatal. Ao longo destes anos, a orquestra realizou máis de 1.500 concertos, colaborou con centos de solistas e directores convidados e reuniu a millares de espectadores no Auditorio de Galicia e noutras salas.
Nun momento no que as institucións culturais están chamadas a redefinir o seu papel, a Real Filharmonía de Galicia quere reafirmar o seu compromiso cun modelo de orquestra pública aberta, reflexiva e conectada co seu tempo. Tal e como sinala o seu director titular e artístico, Baldur Brönnimann, unha orquestra do século XXI non pode limitarse á interpretación do gran repertorio, senón que debe contribuír activamente ao diálogo cultural, á creación de novo patrimonio musical, á formación das novas xeracións e á construción dunha relación viva coa sociedade. Neste sentido, a RFG desenvolve un proxecto artístico que combina tradición e contemporaneidade, atención ao territorio e proxección de futuro, entendendo a diversidade de repertorios, formatos e públicos como unha responsabilidade inherente ao seu carácter de institución pública.
Neste sentido, a orquestra desenvolve unha intensa actividade educativa e social, con concertos didácticos que cada ano achegan a música sinfónica a miles de escolares de toda Galicia.
Desde a perspectiva da xestión, a directora técnica Sabela García Fonte subliña os desafíos actuais do sector: “O gran reto das orquestras públicas é a relevancia social. Deben chegar a públicos diversos, xerar comunidade e demostrar o seu impacto cultural e educativo na cidadanía”.
Pasado e presente
A música antiga e a recuperación do patrimonio constitúen tamén unha das liñas estratéxicas do proxecto artístico da Real Filharmonía de Galicia, entendidas como unha reivindicación dun legado vivo que dialoga de maneira fértil coa creación actual. Nesta vontade de tender pontes entre épocas inscríbense colaboracións como a da violinista e directora francesa Amandine Beyer, artista en residencia na pasada tempada e unha das grandes especialistas internacionais en interpretación historicista e repertorio barroco. Fundadora do conxunto “Gli Incogniti” e presenza habitual nas principais salas e festivais europeos, Beyer desenvolveu coa RFG un traballo centrado nos criterios interpretativos historicamente informados, achegando novas perspectivas sonoras e estilísticas que reforzan a vixencia do patrimonio musical no contexto contemporáneo.
Do mesmo xeito, en agosto de 2024 a orquestra participou na gravación das catro sinfonías inéditas de María Luisa de Borbón, coñecida como a primeira compositora española en escribir música sinfónica, baixo a dirección de José Luis Temes, Premio Nacional de Música e unha das figuras máis relevantes na recuperación e difusión do patrimonio musical español. O proxecto, froito dun intenso labor de investigación musicolóxica que permitiu rescatar estas partituras do chamado fondo Borbón, supuxo a inmortalización dun repertorio ata agora descoñecido e a súa posta en valor no ano do bicentenario do falecemento da compositora. Cunha traxectoria de máis de mil concertos, máis de 350 estreas de música española e máis dun cento de gravacións dedicadas ao repertorio dos últimos tres séculos, Temes encarna ese compromiso coa memoria musical que a RFG comparte e impulsa.
Ambas colaboracións exemplifican a aposta decidida da Real Filharmonía de Galicia por integrar tradición e contemporaneidade nun mesmo discurso artístico, reivindicando a música antiga e o patrimonio histórico como parte esencial dunha programación diversa, rigorosa e en diálogo constante co seu tempo.
Unha orquestra en crecemento
O 26 de febreiro de 1998, a RFG contaba con 34 músicos en cadro de persoal e 7 vacantes que se cubrían mediante contratacións temporais, sumando un total de 41 intérpretes.
Arredor do ano 2001 completáronse e ampliáronse as prazas ata conformar o actual cadro estable de 50 músicos, que hoxe representan 9 nacionalidades diferentes, procedentes de Alemaña, Rusia, Polonia, Xapón, Hungría, Italia, Reino Unido, Romanía e Francia, reflexo do carácter internacional e diverso do proxecto.
Este crecemento permitiu abordar un repertorio cada vez máis ambicioso e consolidar unha sonoridade propia recoñecible dentro e fóra de Galicia.
Proxección exterior: 17 xiras e presenza internacional
A RFG desenvolveu nestes 30 anos unha importante labor de proxección exterior. Actuou en 7 países (Austria, Alemaña, Francia, Portugal, Arxentina, Brasil e Cuba) realizou 17 xiras internacionais, repetindo presenza nalgunhas cidades e auditorios de referencia, o que evidencia a confianza e o recoñecemento obtidos no exterior.
58 encargos e 32 estreas en España: compromiso coa creación actual
A aposta pola música actual foi unha constante na traxectoria da RFG. Desde a súa fundación, a orquestra encargou 58 obras sinfónicas a diferentes compositores e compositoras, o que se traduce en 58 estreas absolutas.
Así mesmo, nestes 30 anos a RFG interpretou por primeira vez en España aproximadamente 32 obras, reforzando o seu papel como plataforma de difusión do repertorio contemporáneo internacional.
Un exemplo recente deste compromiso foi a residencia da compositora Raquel García-Tomás na temporada 2024/25, baixo o lema “Inconformistas” ou a serie de encargos “Cometas”, da actual temporada.
Compositora especializada en creación interdisciplinar e galardoada co Premio Nacional de Música, García-Tomás estreou coa RFG a obra Ceci n’est pas une valse, dirixida por Baldur Brönnimann, ademais de presentar varias pezas do seu catálogo orquestral.
En palabras da propia compositora: “Para min foi especialmente valioso o contacto directo co público, que sempre se achegaba a min despois dos concertos para compartir as súas impresións. Neste sentido, a aposta da RFG por incentivar a nova creación é crucial: non se trata unicamente de estrear obras novas, senón de acompañar ao público no descubrimento e a familiarización co repertorio contemporáneo.”
O seu testemuño reforza a identidade da RFG como unha orquestra que non só estrea, senón que xera contexto, diálogo e proximidade entre creadores e público.
Unha historia construída por diferentes direccións artísticas
A identidade da Real Filharmonía de Galicia foise configurando baixo a guía de diferentes directores titulares que marcaron etapas decisivas na súa evolución artística. Helmuth Rilling, primeiro director titular e artístico (1996–2000), sentou as bases musicais e profesionais do proxecto. Posteriormente, Antoni Ros Marbà e Paul Daniel contribuíron á consolidación do repertorio e á proxección da orquestra, mentres que o director asociado Maximino Zumalave desempeñou un papel fundamental no seu desenvolvemento desde os inicios.
Desde 2023, a orquestra inicia unha nova etapa baixo a dirección de Baldur Brönnimann, orientada á renovación artística, á apertura a novos formatos e á conexión coa sociedade contemporánea.
“Unha orquestra pública non pode limitarse a producir concertos. Debe crear novo patrimonio, asumir riscos e contribuír activamente á vida cultural, educativa e simbólica da cidade”, afirma Brönnimann.
Homenaxe a Helmuth Rilling
O concerto de aniversario incluirá unha homenaxe especial á figura de Helmuth Rilling, recentemente falecido, cuxa pegada artística e humana permanece profundamente vinculada á historia da Real Filharmonía de Galicia. Como primeiro director titular, Rilling foi determinante na creación do son, da disciplina artística e da identidade musical da orquestra. A súa visión contribuíu a establecer os estándares de calidade que continúan definindo o proxecto trinta anos despois.
Formación e futuro: a Escola de Altos Estudos Musicais
A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), vinculada á RFG desde os seus inicios, é outro dos piares fundamentais do proxecto.
Nestes 26 anos de traxectoria baixo a dirección académica de Enrique Meyer, a EAEM formou a máis de 1.000 alumnos, consolidándose como un centro de referencia na especialización musical e na conexión directa coa realidade profesional das grandes orquestras europeas.
Ese círculo que se pecha materialízase hoxe en traxectorias como a de Silvia Rozas Ramallal, ex alumna da EAEM e actualmente frauta solista da NDR Radiophilharmonie, tras ocupar o mesmo posto na Orquestra da Ópera de Hannover e na Badische Staatskapelle Karlsruhe.
Rozas, que iniciou a súa formación no Conservatorio Superior da Coruña e na propia EAEM antes de trasladarse a Berlín con 18 anos —onde obtivo o Bachelor na Hochschule für Musik Hanns Eisler e cursa actualmente o seu máster na Universität der Künste Berlin baixo a tutela de Christina Fassbender—, desenvolve hoxe unha sólida carreira internacional, colaborando con formacións como a Staatsoper Hamburg, a Komische Oper Berlin ou a Deutsche Oper Berlin, entre outras.
Sobre o seu paso pola Escola, destaca:
“Os anos como alumna na Escola foron de gran importancia para a miña formación. Ter a oportunidade de tomar clases cun profesor de ampla experiencia orquestral e poder inspirarme dos convidados ás clases maxistrais permitiume construír unha boa base á vez que reafirmar a miña paixón pola frauta e a música.”
Recentemente, Silvia Rozas regresou aos escenarios galegos da man da Real Filharmonía de Galicia como solista convidada no programa “Iluminacións”, baixo a dirección de Agata Zaj?c, nun concerto que combinou estrea absoluta, grandes fitos do repertorio clásico e creación do noso tempo. A súa presenza simboliza con claridade a proxección internacional do talento formado en Galicia e o retorno dese talento aos escenarios do país cunha traxectoria xa consolidada.
Así, a EAEM non só forma intérpretes, senón que contribúe activamente á creación dunha rede artística que conecta Galicia cos principais centros musicais europeos.
Un aniversario que mira cara ao futuro
A temporada 2025–2026, titulada Historias, articúlase arredor da memoria da institución e da súa proxección cara ao futuro, con iniciativas como o Proxecto Cometas, que inclúe 16 encargos a compositoras e compositores actuais.
Nos concertos de abono desta temporada programaranse 1.170 minutos de música, dos cales aproximadamente o 19 % corresponde a obras de creadoras e creadores vivos.
“A música do noso tempo é imprescindible para manter viva a tradición. Unha institución pública debe presentar toda a amplitude do repertorio e dialogar coa realidade contemporánea”, destaca Brönnimann.
30 anos de música compartida
Tres décadas despois da súa creación, a Real Filharmonía de Galicia continúa definíndose como unha orquestra próxima, flexible e en constante evolución, comprometida coa excelencia artística, coa formación, coa creación contemporánea e co servizo á sociedade.
O programa “Historias da Historia” levará a música da Real Filharmonía de Galicia a catro cidades galegas nun percorrido especial que comezará no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela o 28 de febreiro (20:30 h) e continuará no Centro Cultural Afundación en Vigo o 4 de marzo (20:00 h), no Auditorio de Ferrol o 5 de marzo (20:00 h) e no Palácio da Ópera na Coruña o 6 de marzo (20:00 h).
Concibido como un concerto con repertorio sorpresa, este programa propón unha experiencia diferente e emocionante, pensada para que o público se deixe levar pola música descubrindo cada momento de maneira única. Baixo a dirección de Baldur Brönnimann, a orquestra convida a vivir unha velada especial, marcada pola proximidade, a complicidade cos músicos e o pracer de escoitar e sorprenderse xuntos.


