A Real Filharmonía de Galicia aposta polo talento de compositoras e compositores noveis

Durante esta semana terá lugar no Auditorio de Galicia o 2º Obradoiro de Composición RFG / RESIS. LAB III, unha actividade en colaboración co Festival RESIS

O director Jordi Francés e o compositor José María Sánchez-Verdú acompañan aos participantes co fin de axudarlles nos seus primeiros pasos como compositores orquestrais

O venres 9 de maio haberá un concerto de presentación, ás 20:30h, con entrada libre ata completar a capacidade do auditorio

A Real Filharmonía de Galicia segue apostando por fomentar e incentivar o talento das novas xeracións de músicos. Un dos principais obxectivos do seu proxecto estratéxico é abrir as portas da institución aos mozos e mozas que se atopen aínda no principio da súa traxectoria profesional e que busquen ampliar a súa formación. Deste xeito, esta semana terá lugar no Auditorio de Galicia o 2º Obradoiro de Composición RFG / RESIS. LAB III.

Do 5 ao 9 de maio, sete participantes de diferentes nacionalidades reciben orientación sobre como perfeccionar as súas obras da man do director Jordi Francés e do compositor José María Sánchez-Verdú, unha actividade en colaboración co Festival RESIS. Ao remate da semana, o venres 9 de maio, realizarase un concerto aberto ao público para presentar o resultado do desenvolvemento destas composicións inéditas.

Na ocasión, o público que se achegue ao Auditorio de Galicia, escoitará as obras Trampantojo de Ángel De la Hera, Symbiosis de Yehong Gao, Essere foglia de Alexandre Jamar, ihre Berge de Shiwei Liu, De espacios y gentes (II). La idea de norte de Luis Navarro, Labyrinth de Esther Perez Soriano e Una construzione dell’assenza de Mariano Russo. Ademais, a obra El palacio de los siete cielos de José María Sánchez-Verdú tamén será interpretada pola Real Filharmonía de Galicia.

Un dedicado director
Esta é a segunda vez, dentro da temporada 2024-2025 da Real Filharmonía de Galicia, Inconformistas, que o mestre Jordi Francés acude a Santiago para impartir unha formación a músicos noveis. A primeira delas tivo lugar en decembro do pasado ano durante o Obradoiro de Dirección Orquestral.

Francés caracterízase por ter unha mirada ampla sobre o feito artístico. Como director convive entre a ópera, o repertorio sinfónico e a creación actual. Entre os seus máis recentes compromisos figuran invitacións de: Orquesta Nacional de España, Orquesta de la Comunidad de Madrid, Orquesta de Valencia, Sinfónica de Bilbao e numerosos proxectos co Ensemble Sonido Extremo, do que é director artístico.

Dirixiu tamén a Filharmónica da BBC, Orquesta de RTVE, Ensemble Intercontemporain, a Orquestra do Festival da Academia de Lucerna, e outros moitos conxuntos en Europa e América. Nos últimos anos colaborou de maneira habitual coa Joven Orquesta Nacional de España, Orquesta de Extremadura e a Joven Orquesta de la Comunidad de Madrid coa que realizou tamén proxectos de ópera e teatro musical.

Un compositor comprometido
José María Sánchez-Verdú é autor dun amplo catálogo de obras onde destacan a música instrumental, a vocal, máis de vinte composicións para orquestra e proxectos con tecnoloxía electrónica, vídeo, arquitecturas ou dramaturxias de luces. Os seus proxectos escénico-musicais desenvolveron a relación coa luz, a cor, a arquitectura, o movemento e a virtualidade. En varios proxectos colaborou cos escritores Antonio Gamoneda, Juan Goytisolo, Carlos Fuentes e Gerhard Falkner.

Foi profesor de composición durante moitos anos en centros de referencia europeos (Dresde, Hannover, Zaragoza), e colabora regularmente nos programas de doutorado de coñecidos centros de ensinanza, como a Sibelius Academy ou mesmo a Kunstuniversität de Graz. Desde o 2001 é profesor de Composición da Robert Schummann Hochschule de Dusseldor, onde en 2021 foi nomeado Catedrático Honorario.

Entrada libre
O concerto será aberto a todo o público que desexe achegarse ao Auditorio de Galicia para descubrir, en primeira man, os novos talentos da composición orquestral.

A entrada é gratuíta e o espectáculo terá lugar na Sala Angel Brage do Auditorio de Galicia ás 20:30h.