A Real Filharmonía de Galicia segue apostando polo compromiso territorial arredor de Galicia programando concertos en diversas vilas galegas. Deste xeito, durante os meses de xuño, xullo e agosto, a RFG actuará en distintos barrios da cidade de Santiago e, ademais, participará en emblemáticos festivais de música clásica en diversas cidades galegas.
Enmarcada dentro dos seus obxectivos como institución está a iniciativa de achegarse á cidadanía e promover espazos de intercambio que sexan accesibles aos máis variados públicos.
Compostela
Partindo desta premisa, a Filharmonía comeza a súa temporada estival con tres concertos completamente gratuítos nos barrios de Santiago, co fin de incrementar a participación dos espectadores e espectadoras do municipio: o primeiro deles terá lugar o 12 de xuño na Casa das Máquinas e, deseguido, o 13 de xuño, haberá outra actuación na Igrexa de Santa María da Mercé de Conxo. Os concertos terán comezo ás 19:30h co entrada libre ata completar a capacidade das localidades e baixo a batuta do director asistente da RFG, Sebastian Zinca.
Na ocasión, unha representación do alumnado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais actuará como solista como parte do proxecto de formación colaborativo entre ambas entidades. Interpretaranse obras de Mozart, Haydn, Strauss, entre outros.
O terceiro concerto desta quenda de espectáculos na cidade compostelá estará a cargo do director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, Baldur Brönnimann, e trátase da presentación da súa vindeira temporada. O programa sorpresa terá lugar no Auditorio de Galicia o día 19 de xuño, ás 20:30h, e será necesario retirar previamente as invitacións na web de Compostela Cultura. Será a oportunidade de dar a coñecer ao público as claves da temporada 2025-2026 da RFG e amosar as principais propostas musicais preparadas para o próximo ciclo.
Brönnimann, Temes e Zinca
En xullo, a Filharmonía dará inicio a unha serie de actuacións en prestixiosos festivais de música clásica. Comezando polo Galaico Brass Festival, en Vila de Cruces, o día 10 de xullo, ás 20:30h. Sebastian Zinca volverá estar á fronte da orquestra, que compartirá o escenario co solistas de trompa, trompeta e trombón.
Igualmente importante serán os dous concertos que terán lugar na semana seguinte, en Compostela. José Luis Temes, o director responsable pola gravación, xunto á Real Filharmonía de Galicia, das sinfonías da infanta María Luisa de Borbón, volverá a Galicia para encabezar dous concertos na Igrexa de Santo Agostiño.
Os espectadores que o desexen poderán achegarse o día 16 de xullo, ás 20:00h, para gozar en directo da interpretación deste repertorio inédito xunto a outras obras do clasicismo español e europeo. No día 17 de xullo o concerto repetirase á mesma hora, tamén na Igrexa de Santo Agostiño.
Cómpre indicar que un dos momentos máis agardados do verán será o concerto da Real Filharmonía de Galicia que se celebrará na Praza da Quintana, o día 23 de xullo, no marco das Festas do Apóstolo de Santiago. Un evento ao aire libre (sempre que as condicións climáticas así o permitan) que contará coa interpretación de recoñecidas obras de Verdi, Chaikovski, Bizet, entre outras.
Unha cita imperdible dentro do calendario de festas da cidade, dirixido por Baldur Brönnimann, onde a entrada será libre ata completar a capacidade do espazo. No caso de choiva, o espectáculo trasladarase ao Auditorio de Galicia.
Festivais
A programación de verán da RFG culminará coa súa actuación en tres dos máis destacados festivais de música clásica do noroeste peninsular: o Galaico Brass Festival, o día 10 de xullo, o Galicia Clarinet Fest, o día 31 de xullo; o Noia Harp Fest, o día 7 de agosto; e, finalmente, o Festival Bal y Gay o día 13 de agosto.
Todos eles buscan vertebrar musicalmente a nosa comunidade, baixo o paraugas da música sinfónica como reclamo para atraer tanto aos espectadores máis experimentados como aos novos oíntes, os diferentes programas inclúen tanto a obras clásicas, como Schubert e Mozart no caso da cita lucense da Catedral de Mondoñedo (Festival Bal y Gay) como a estrea mundial da obra gañadora do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, Cuatro historias gallegas, do compositor arxentino Federico Beilinson.
Esta última terá lugar no Noia Harp Fest durante a Gala de Entrega que se celebrará o xoves 7 de agosto no Teatro Coliseo Noela. Unha cita para as persoas amantes da arpa e da diversidade musical que reúne cada ano diferentes bandas e solistas, tanto galegas coma
internacionais, de distintos estilos e orixes en varios lugares representativos do patrimonio histórico e cultural de Noia. No Festival Internacional de Arpa Vila de Noia as arpistas Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola actuarán como solistas.
Para máis información sobre a programación e detalles dos concertos, pódese consultar a páxina da Real Filharmonía de Galicia.
PROGRAMACIÓN VERÁN 2025 – REAL FILHARMONÍA DE GALICIA
12 de xuño (19:30h) | Concertos nos Barrios | Casa das Máquinas (Galeras) – Santiago de Compostela
13 de xuño (19:30h) | Concertos nos Barrios | Igrexa de Santa María da Mercé de Conxo – Santiago de Compostela
19 de xuño (20:30h) | Concerto de presentación da temporada 2025-2026 | Auditorio de Galicia | Santiago de Compostela
10 de xullo (20:30h) | Galaico Brass Festival | CEIP de Merza (Vila de Cruces)
16 de xullo (20:00h) | Concerto Igrexa Santo Agostiño | Santiago de Compostela
17 de xullo (20:00h) | Concerto Igrexa Santo Agostiño | Santiago de Compostela
23 de xullo (21:00h) | Concerto das Festas do Apóstol | Praza da Quintana (Santiago de Compostela)
31 de xullo (20:30h) | Galicia Clarinet Fest | Auditorio de Lalín
7 de agosto (20:30h) | Noia Harp Fest | Teatro Coliseo Noela (Noia)
13 de agosto (21:00h) | Festival Bal y Gay | Catedral de Mondoñedo


