A Real Filharmonía de Galicia volve compartir escenario co director Timothy Brock nunha nova cita do circuíto Cineuropa. Na ocasión, interpretarase a banda sonora composta por Brock para a película O heroe do río (Steamboat Bill Jr.), de Charles Reisner e Buster Keaton, quen tamén protagonizou o longametraxe.
Os asistentes ao programa, que está incluído na temporada de abono da RFG, Inconformistas, gozarán en directo da interpretación da orquestra mentres proxéctase a película: unha comedia muda inspirada na curtametraxe de Walt Disney, Stemboat Willie, que foi estreada seis meses despois, e na que se presenta o debut de Mickey Mouse.
O heroe do río foi último filme de Keaton, producido de forma independente e, como tal, ofrece unha serie de ideas especialmente audaces e creativas. O labor de Timothy Brock ao compoñe a partitura, que acompaña esta elocuente fábula de supervivencia, foi trasladar a ironía, a dozura e a extravagancia da película a través dun traballo orquestral marcado por diversos e peculiares matices.
Para o director, Timothy Brock, os concertos de cine mudo son unha fonda inmersión nas propias películas e, como compositor, a música deste xénero ten un son contemporáneo, pero arraigado no pasado. Brock tamén asegura que a investigación cinematográfica é unha parte moi importante de seu traballo, polo que lle resulta importante saber en que contexto se fixo a película, que se tería esperado do compositor orixinal se xa existise unha partitura e cales poderían ter sido as preferencias musicais do director.
Un director e unha paixón: o cinema mudo
Timothy Brock é un director e compositor especializado en obras de concerto de principios do século XX e representacións en vivo de cinema mudo. Considerado un dos máis importantes expertos en música de cinema deste xénero, as súas contribucións máis destacadas neste campo son as súas restauracións e as edicións publicadas da única partitura de cinema mudo de Dmitri Shostakóvich, A nova Babilonia; a épica italiana de Manilo Mazza, Cabiria; ou a popular partitura de George Antheil para o Ballet mecánico. Ao longo de trinta anos, Brock escribiu 27 partituras orixinais para cinema mudo.
Ademais, está especializado en composicións de Charles Chaplin, que comezou en 1998 cando lle encomendan a restauración da partitura de Tempos modernos. Desde entón restaurou 12 longametraxes mudas de Chaplin e partituras curtas ata que finalizou o traballo en 2012.
Entradas á venda
As entradas para este concerto, incluído dentro da programación de Cineuropa, están dispoñibles a un prezo de 15€. Poden adquirirse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo).