A Real Filharmonía de Galicia actúa no Galaico Brass Festival en Merza (Vila de Cruces)

A RFG actuará o xoves, 10 de xullo, en Merza (Vila de Cruces) cun programa dedicado ao repertorio de vento-metal e con solistas internacionais

O concerto enmárcase dentro da xira de verán da orquestra por Galicia, reafirmando o seu compromiso coa difusión cultural en todo o territorio

A Real Filharmonía de Galicia actuará o xoves 10 de xullo ás 20:30?h no CEIP de Merza, dentro da programación do Galaico Brass Festival en Vila de Cruces.

Baixo a batuta do director Sebastian Zinca, a orquestra interpretará un programa centrado no repertorio de vento-metal, xunto con destacados solistas que forman parte do profesorado do Galaico Brass Festival: Marta Montes e Iago Bernat (trompas), Alfonso González Barquín (trompeta) e Ian Bousfield e Isobel Daws (trombóns). No programa figuran obras de F. J. Haydn e A. Rosetti, Concerto para dúas trompas e o Concerto para trompeta e tamén o Concerto para trombón de Nino Rota e Servant of Peace de Daniel Gates.

Este concerto é parte da xira de verán da RFG por Galicia, que incluirá tamén actuacións en Santiago, Lalín, Noia, Mondoñedo e en varios barrios composteláns. En Vila de Cruces, a orquestra reafirma o seu compromiso coa música de cámara e coa difusión cultural en contornas singulares da xeografía galega.

Festivais
A programación de verán da RFG culminará coa súa actuación en tres dos máis destacados festivais de música clásica do noroeste peninsular: o Galaico Brass Festival, o día 10 de xullo, o Galicia Clarinet Fest, o día 31 de xullo; o Noia Harp Fest, o día 7 de agosto; e, finalmente, o Festival Bal y Gay o día 13 de agosto.

Todos eles buscan vertebrar musicalmente a nosa comunidade, baixo o paraugas da música sinfónica como reclamo para atraer tanto aos espectadores máis experimentados como aos novos oíntes, os diferentes programas inclúen tanto a obras clásicas, como Schubert e Mozart no caso da cita lucense da Catedral de Mondoñedo (Festival Bal y Gay) como a estrea mundial da obra gañadora do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, Cuatro historias gallegas, do compositor arxentino Federico Beilinson.

Esta última terá lugar no Noia Harp Fest durante a Gala de Entrega que se celebrará o xoves 7 de agosto no Teatro Coliseo Noela. Unha cita para as persoas amantes da arpa e da diversidade musical que reúne cada ano diferentes bandas e solistas, tanto galegas coma

internacionais, de distintos estilos e orixes en varios lugares representativos do patrimonio histórico e cultural de Noia. No Festival Internacional de Arpa Vila de Noia as arpistas Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola actuarán como solistas.

Para máis información sobre a programación e detalles dos concertos, pódese consultar a páxina da Real Filharmonía de Galicia.

PROGRAMACIÓN VERÁN 2025 –  REAL FILHARMONÍA DE GALICIA

10 de xullo (20:30h) | Galaico Brass Festival | CEIP de Merza (Vila de Cruces)
16 de xullo (20:00h) | Concerto Igrexa Santo Agostiño | Santiago de Compostela
17 de xullo (20:00h) | Concerto Igrexa Santo Agostiño | Santiago de Compostela
23 de xullo (21:00h) | Concerto das Festas do Apóstol | Praza da Quintana (Santiago de Compostela)
31 de xullo (20:30h) | Galicia Clarinet Fest | Auditorio de Lalín
7 de agosto (20:30h) | Noia Harp Fest | Teatro Coliseo Noela (Noia)
13 de agosto (21:00h) | Festival Bal y Gay | Catedral de Mondoñedo