A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá esta semana un concerto que levará por título ‘Contornos’ baixo a batuta da directora Jessica Cottis. O programa interpretarase este xoves 24 no Auditorio de Galicia de Santiago, o venres 25 de abril no Centro Cultural Afundación de Pontevedra e ofrecerase novamente o domingo 27 no Palacio da Ópera da Coruña. O espectáculo será ás 20:30h en Santiago e Pontevedra, mentres que na Coruña terá lugar ás 12:00h.
As obras que se interpretarán serán Blind Contours núm. 2 da compositora en residencia durante esta temporada da RFG, Raquel García-Tomás; Testament de Brett Dean e a Sinfonía núm. 7 en La maior, op. 92 de Ludwig van Beethoven.
Cómpre indicar que antes do concerto de Santiago, ás 19:30h, haberá unha nova edición do ciclo “Conversando con…”, un espazo habilitado na Sala Mozart do Auditorio de Galicia para intercambiar ideas sobre o repertorio e coñecer o punto de vista das protagonistas, a directora Jessica Cottis e a compositora Raquel García-Tomás.
Unha expresiva directora
De ascendencia australiano-británica, Jessica Cottis formouse en institucións de prestixio como a Royal Academy of Music e a Royal College of Music de Londres, ademais de dirixir algunhas das orquestras máis emblemáticas do mundo, como a Orquestra Sinfónica de Londres, a Orquestra Filharmónica Real, a Orquestra Sinfónica da Radio Danesa, a Ópera Real Danesa, a Filharmónica de Oslo, a Orquestra Sinfónica da Radio de Praga, a Sinfónica de Singapur, a Sinfónica de Sydney ou mesmo a Filharmónica de Los Ángeles.
O seu enfoque detallado, enérxico e profundamente expresivo outorgoulle o recoñecemento tanto do público como da crítica. Cottis é coñecida tanto pola súa sensibilidade para dirixir pezas de repertorio contemporáneo como pola súa capacidade para construír diálogos sonoros vibrantes entre a tradición e a vangarda.
Unha compositora en ascensión
Raquel García-Tomás, a compositora en residencia da actual temporada da Real Filharmonía de Galicia, foi galardoada co Premio Nacional de Música 2020. Desde o inicio, buscou desenvolver unha obra sólida, plural e libre, caracterizada polo cruzamento de linguaxes estéticas, a inclusión de novos medios e unha poética sonora singular.
Recentemente recibiu o Premi Nacional de Cultura 2024 (Generalitat de Catalunya) “pola súa excelencia na composición musical, froito dunha sólida formación e aptitude para a innovación contemporánea que lle permiten conseguir o equilibrio entre experimentación sonora e visual sen perder a capacidade de emocionar a un público amplo”.
A súa música, que transita desde a ópera contemporánea ata proxectos multimedia, demostra unha mirada lúcida sobre o tempo actual, ao mesmo tempo que conserva unha marcada identidade expresiva.
Entradas á venda
As entradas para o concerto de Santiago poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio de Galicia (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo) a un prezo de 18€.
Para o espectáculo que terá lugar en Pontevedra e Coruña, as entradas estarán dispoñibles a través da plataforma Ataquilla desde os 14,25€.