No día 14 de agosto, ás 22:00 h, a Real Filharmonía de Galicia compartirá o escenario do Auditorio de Castrelos (Vigo) co cantante Víctor Manuel como parte da súa xira en formato sinfónico. Nesta ocasión, os espectadores terán a oportunidade de escoitar ao cantautor asturiano nunha posta en escena innovadora, onde a simbiose entre a orquestra, o coro e a banda ofrecerá unha experiencia diferente á que adoita presentar nos seus concertos.
Entre as cancións presentadas, estarán Asturias, Solo pienso en ti, Soy un corazón tendido al sol ou mesmo Como voy a olvidarme, entre outros clásicos do seu extenso repertorio. Á fronte da RFG estará o director Joan Albert Amargós, quen afirma que o labor de arranxar as partituras para este tipo de proxecto constitúese en facer co que todos os integrantes desta amálgama sexan protagonistas. Deste xeito, Amargós afirma que o resultado en directo deste tipo de combinación busca provocar no público “unha emoción indescritible”.
Programación estival
A RFG segue coas actuacións enmarcadas dentro da súa temporada de verán, unha serie de espectáculos que anteceden a súa próxima temporada de abono, ‘Inconformistas’, que comezará en outubro.
A partir de setembro, comezan as actuacións nos barrios compostelás, onde desde o 18 ata o 20 de setembro terán lugar diversas presentacións en Galeras, Santa Marta e Conxo.