A Real Filharmonía de Galicia regresa ao programa Cineuropa para ofrecer unha experiencia musical única: a proxección da película Sing Sing, dirixida por Greg Kwedar, acompañada pola orquestra en directo baixo a batuta do convidado Benjamin “Ben” Voce. O concerto terá lugar o xoves 20 e tamén o venres 21 de novembro no Auditorio de Galicia (20:30h)
A cita musical do venres 21 de novembro entra dentro do ciclo (EN)FOCO da Real Filharmonía de Galicia. Deste xeito, os asistentes poden optar por unha entrada especial con petisco e bebida por 21 €, unha combinación que fai da velada unha experiencia cultural completa e accesible.
Existe tamén unha proxección na xornada anterior, o xoves 20, pero as entradas para esa sesión están case esgotadas, polo que se recomenda ao público interesado que compre canto antes a do 21.
Un filme emocionante e auténtico
Sing Sing é un drama carcelario baseado nun programa real, o Rehabilitation Through the Arts (RTA), que se desenvolve na prisión de máxima seguridade de Sing Sing (Nova York).
Dirixido por Greg Kwedar, quen ademais coescribiu o guión co escritor Clint Bentley, o filme mestura actores profesionais como Colman Domingo e Paul Raci con homes que estiveron reclusos e participaron no programa RTA na vida real, ofrecendo así unha carga emocional extraordinaria e un reflexo auténtico do poder redentor da arte.
A película foi presentada no Festival de Cine de Toronto no 2023 e aborda temas profundos: enfrontamento da inocencia, a culpa, a solidariedade entre os reclusos e, sobre todo, a transformación interior a través do teatro. Kwedar, que tivo contacto directo con participantes do RTA durante o rodaxe, definiu esta historia como unha forma de “facer xustiza” e reflectir a compaixón, o coidado e a sanación que el mesmo observou tras os muros da prisión.
No filme revívese a produción teatral orixinal do RTA titulada “Breakin’ The Mummy’s Code”, unha comedia musical delirante que mesturaba pirámides exipcias, gladiadores, cowboys e incluso referencia a Shakespeare (no caso específico, Hamlet) e que en realidade xa foi representada dentro da prisión. A través deste espectáculo, os reclusos atopaban unha vía de expresión, de esperanza e de comunidade.
Ademais, a partitura da película foi composta por Bryce Dessner, coñecido tanto pola súa traxectoria sinfónica como pola súa faceta no mundo do rock (é guitarrista e compositor principal da banda The National). Dessner traduce musicalmente o leitmotiv de Sing Sing —o poder transformador da arte como forza de resistencia dun home encarcerado— nunha partitura evocadora de liberdade, que drisca entre influencias tan diversas como Brian Eno, Bach e Steve Reich.
Ben Voce, un director con visión contemporánea
O encargado de conducir esta delicada homenaxe sinfónica será Benjamin “Ben” Voce, un director en alza con notábel afinidade polo repertorio moderno do século XX e XXI. Voce destaca pola súa claridade interpretativa e a precisión na execución de partituras complexas.
Ademais, desde 2022 traballa como asistente de Thomas Adès en importantes orquestras como a Filharmónica de Berlín ou a Concertgebouw, e afronta novos retos internacionais, como dirixir The Tempest de Adès na Ópera Nacional de Romanía.
Voce ten formación tanto musical como analítica: licenciouse en matemáticas e continuou co máster de dirección no Royal Northern College of Music, o que lle achega unha perspectiva profunda e estructural á súa interpretación, especialmente en obras contemporáneas.
Entradas á venda
As entradas para os dous concertos da Real Filharmonía de Galicia dentro do circuíto Cineuropa poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo) a un prezo de 15€ ou 21€ con petisco e bebida.


