A Real Filharmonía de Galicia achega a música clásica aos barrios composteláns de Galeras, Conxo e Fontiñas

Esta semana a Orquestra tocará os días 24, 25 e 26 de setembro en diferentes barrios co fin de promocionar a súa vindeira temporada, Historias

Os concertos serán de balde, con entrada libre ata completar a capacidade dos espazos, ás 19:30 h

A Real Filharmonía de Galicia segue apostando na descentralización da súa actividade ao achegar a música clásica á cidadanía a través de espectáculos gratuítos nos barrios composteláns. Nestes concertos preséntanse os contidos da vindeira temporada da RFG, ‘Historias’, cun formato máis próximo e a intervención de comentarios dos directores entre as obras presentadas co fin de romper os muros invisibles que afastan moitas persoas da música clásica.

Esta semana a Orquestra ofrecerá tres concertos:

  • 24 de setembro | Casa das Máquinas – Galeras
  • 25 de setembro | Igrexa de Santa María da Mercé de Conxo
  • 26 de setembro | Centro Comercial Área Central – Fontiñas

Todos os espectáculos terán lugar ás 19:30h e o público asistente escoitará unha selección de obras que forman parte da súa nova temporada: Obertura de Las bodas de Fígaro, de Mozart, Salut d’amour de Elgar, Serenata en Re menor de Dvorák, Sinfonía núm 3 en Sol menor de Farrenc, Orawa de Kilar e tamén a Sinfonía núm 1 en Do Maior de Beethoven.

Ademais, escoitarase a obra Foliada festiva, unha peza escrita especialmente para a Real Filharmonía de Galicia polo compositor vigués Juan Durán en conmemoración ao seu 30º aniversario. A composición integra o proxecto “Cometas”, unha serie de 16 breves obras sinfónicas, de ata cinco minutos de duración, escritas por oito compositoras e oito compositores (a metade deles galegos e galegas e a outra metade españois), pensadas para acompañar as grandes obras do repertorio sinfónico e establecer así un diálogo entre o pasado, o presente e o futuro da música.

Nesta ocasión, será o director asistente da RFG, Sebastian Zinca, quen levará a batuta durante os tres concertos que terán lugar nos próximos días.


Entradas individuais, á venda o 25 de setembro
A partir deste xoves, día 25 de setembro, as entradas individuais para os concertos da nova temporada da Real Filharmonía de Galicia estarán dispoñibles na web de compostelacultura.gal, na Zona C · Punto de información Cultural (de martes a sábado, en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 19 h) e no despacho de billetes do Auditorio de Galicia (só os días de cada concerto dende unha hora antes do seu comezo).

Para máis información sobre os abonos, prezos e descontos pódese consultar toda a información na web de Compostela Cultura.