A Real Filharmonía de Galicia abre a convocatoria para a participación de coros galegos no proxecto colaborativo “Cantamos!” 2025

A proposta culminará con dous concertos no Auditorio de Galicia os días 18 e 19 de decembro de 2025, baixo a batuta do recoñecido director galego Javier Fajardo

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) pon en marcha unha nova edición do seu proxecto colaborativo “Cantamos!”, unha iniciativa que convida a coros afeccionados de toda Galicia a participar en dous concertos xunto á RFG. A proposta culminará con dous concertos no Auditorio de Galicia os días 18 e 19 de decembro de 2025, baixo a batuta do recoñecido director galego Javier Fajardo.

Nesta ocasión, o repertorio estará centrado na ópera, ofrecendo ao público unha selección de aberturas, arias e coros das obras máis emblemáticas de compositores como Mozart, Rossini, Verdi, Donizetti e Bizet. Participarán como solistas a mezzosoprano Andrea Rey e o barítono Milan Périsic, gañador do concurso Compostela Lírica 2024.

Trátase da terceira edición deste proxecto, que conta coa colaboración entre a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela e da Federación de Coros de Galicia. Ao longo das edicións anteriores, participaron máis de 250 coristas galegos pertencentes a case 30 coros.

Os ensaios e concertos terán lugar no Auditorio de Galicia, entre o 16 de novembro e o 19 de decembro. Os coristas deberán preparar o repertorio con antelación e comprometerse a asistir a todas as sesións programadas.

O prazo de inscrición estará aberto entre o 3 e o 18 de xullo, e deberá cubrirse un formulario dispoñible en liña. Os coros seleccionados serán anunciados o 22 de xullo na páxina web e nas redes sociais da RFG. A selección realizarase atendendo a criterios de equilibrio vocal entre os coros inscritos.

Para máis información ou dúbidas, pode contactarse coa Real Filharmonía de Galicia a través do correo info@rfgalicia.org ou no teléfono 981 552 290.

Información sobre a participación