A Praza da Quintana será o palco do vindeiro concerto da Real Filharmonía de Galicia

Como parte das celebracións polas Festas do Apóstolo, a orquestra compostelá presentará un repertorio con obras de Verdi, Chaikovski, Bizet, Strauss, entre outros

A batuta estará a cargo do director titular e artístico da RFG, Baldur Brönnimann, e o concerto será este mércores 23, ás 21:00 h, con entrada gratuíta

A Real Filharmonía de Galicia ofrece este mércores 23 de xullo o seu tradicional concerto incluído na programación das Festas do Apóstolo de Santiago de Compostela. A actuación está prevista para ás 21:00 h e o acceso á Praza da Quintana será libre ata completar a capacidade do lugar.

Trátase dun dos concertos máis agardados dentro da programación de verán da RFG, que contará coa interpretación de recoñecidas obras de Verdi, Charikovski, Bizet, entre outras. Na ocasión, será o mestre Baldur Brönnimann, director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, quen levará a batuta nun evento ao aire libre, sempre que as condicións climáticas así o permitan. En caso de choiva, o concerto trasladarase ao Auditorio de Galicia.

Esta iniciativa reforza o compromiso da Real Filharmonía de Galicia por levar cultura á rúa para que goce toda a cidadanía. Un exemplo representativo son os Concertos nos Barrios, cinco citas que se celebrarán en Compostela no mes de setembro.

Programación estival
Antes do inicio da vindeira temporada da RFG, ‘Historias`, a orquestra ofrecerá unha serie de concertos en diversas vilas galegas e en distintos barrios da cidade de Santiago.

Despois do concerto na Quintana, a Filharmonía estará presente o día 31 de xullo no Galicia Clarinet Fest (Auditorio de Lalín), o 7 de agosto no Noia Harp Fest e o 13 de agosto no Festival Bal y Gay (Catedral de Mondoñedo). Por outra banda, en setembro, a orquestra ofrecerá máis concertos gratuítos en diversos barrios compostelás (Galeras, Santa Marta, Conxo, Fontiñas, etc.), todos de acceso libre até completar a capacidade.