A obra Peer Gynt de Edvard Grieg protagoniza o Concerto de Reis da Real Filharmonía de Galicia

O recoñecido actor galego Tamar Novas e a actriz Inés Salvado protagonizan a parte escénica deste espectáculo

A dramaturga Lorena Conde deseña esta proposta, que será dirixida polo vigués Roberto Baltar

A cita terá lugar no Auditorio de Galicia de Santiago a noite de Reis, o día 5 de xaneiro (20:30 h), e tamén no Teatro Afundación de Vigo o día 9 (20:00 h)

En Santiago haberá un ensaio xeral aberto ao público con entrada libre o domingo 5 ás 11:00 h

A Real Filharmonía de Galicia presenta este domingo, día 5 de xaneiro, o seu agardado Concerto de Reis. Baixo o nome “O Inconformista”, o espectáculo terá como fío condutor a obra Peer Gynt do compositor Edvard Grieg, que narra as peripecias dun personaxe extravagante e antiburgués, interpretado polo galardoado actor galego Tamar Novas.

O mesmo día 5, o Auditorio de Galicia abre as súas portas para recibir a todas as persoas que queiran acompañar o ensaio xeral a partir das 11:00 h con entrada libre ata completar a súa capacidade.

No día 9 de xaneiro serán os espectadores vigueses os que poderán achegarse ao Teatro Afundación (20:00 h) para escoitar en directo a música do compositor noruegués. Por motivos de saúde, será o mestre galego Roberto Baltar quen levará a batuta en substitución ao director titular e artístico da RFG, Baldur Brönnimman.

Cómpre indicar que a dramaturxia do espectáculo está deseñada por Lorena Conde, integrante da compañía Matrioshka Teatro onde escribe e actúa e co-fundadora da compañía A Feroz para a que tamén escribe e dirixe.

Esta montaxe conta coa participación da actriz Inés Salvado, integrante do grupo musical De Vacas, formación que foi galardoada nos Premios da Música Martín Códax en 2016 e premiada na II edición do Festival Territorio Violeta na Feria de Teatro de Ciudad Rodrigo no 2018 e tamén do actor Tamar Novas, actual Premio Mestre Mateo a Mellor Actor protagonista pola película “Salta!” de Olga Osorio.

Entradas á venda
Para o concerto no Auditorio de Galicia, o día 5 de xaneiro, as entradas están esgotadas, polo que o público que o desexe poderá achegarse pola mañá, ás 11:00 h, para asistir ao ensaio xeral. A entrada será libre ata completar a capacidade da sala.

Con todo, as entradas para o concerto de Vigo, o día 9 de xaneiro no Teatro Afundación (20:00 h), están dispoñibles a través da plataforma de compra Ataquilla desde os 13,30€.