A inscrición aos programas didácticos da Real Filharmonía, aberta desde o 20 de setembro

Os centros poderán anotarse a través da web de Compostela Cultura

A concellaría de Acción Cultural programa cada tempada un programa didáctico dirixido a escolares de Santiago e de toda Galicia. Organizados a modo de sesións pedagóxicas, os programas adáptanse ás diferentes franxas de idade e promoven o coñecemento de música clásica, danza, teatro, música tradicional, etc. Ademais póñense a disposición dos centros de ensino guías didácticas para traballar na aula con anterioridade á asistencia ao evento.

Para o vindeiro curso, a Real Filharmonía preparará dous programas distintos. O primeiro deles será Xogo de Espellos, Unha ollada a través da música electrónica con Javier Otero como compositor, piano e electrónica e Rubén Iglesias co baixo e sintetizadores. Terá dúas sesións, o 2 e 3 de febreiro ás 11h, que serán especialmente destinadas a alumnado de ESO e Bacharelato.

O segundo dos programas preparados pola Filharmonía será Mini Mozart, con Jan Wierzba como director e en colaboración co Serviço Educativo da Música do Porto. Terá catro concertos, o xoves 2 e venres 3 de marzo, en horario de 10h e 12h e estará destinado a alumnado de Educación Primaria.

Ademais, ambos os programas terán unha réplica aberta ao público especialmente pensado para familias. Serán o sábado 4 de febreiro e de marzo, respectivamente, ás 18.30h con prezo de 3 euros.

A solicitude de actividades comezará o día 20 de setembro para centros de Santiago de Compostela e o 21 para o resto da comunidade.

Toda a información destes, e resto de programas didácticos, ademais do formulario de inscrición, está dispoñible na web de Compostela Cultura.