A directora Rita Castro Blanco levará a batuta do próximo concerto de abono da Real Filharmonía de Galicia

O concerto leva por título Percorrendo a felicidade e está formado por obras de Mozart, Honegger e Martinu

Terá lugar os días 25 e 26 de xaneiro, en Santiago e Vigo, respectivamente

A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana un novo concerto da súa temporada de abono ‘Migracións’. Baixo o título de Percorrendo a felicidade, propón facer unha viaxe desde o Clasicismo de Mozart ata a visión nostálxica e idealizada do pasado dos compositores do século XX Martinu e Honneger.

A prometedora directora portuguesa Rita Castro Blanco dirixirá o xoves 25 no Auditorio de Galicia de Santiago (20:30h) e o venres 26 no Teatro Afundación de Vigo (20:00h).

Na ocasión, os asistentes gozarán do ritmo veloz e enérxico da recoñecida Abertura das vodas de Fígaro e da Sinfonía núm. 38, Praga, ambas de Mozart. O programa do evento tamén inclúe Pastorale d’été, de Arthur Honegger e Tocatta e due canzoni, de Bohuslav Martinu.

Rita Castro Blanco, a directora

A función será liderada pola directora portuguesa Rita Castro Blanco que, malia a súa xuventude, colecciona numerosas estreas e vén de amplificar a súa experiencia e interese tanto na ópera canto nos xéneros musicais contemporáneos.

Rita Castro Blanco desenvolveu a súa carreira maioritariamente en Portugal e no Reino Unido, onde traballou coa Orquestra Gulbenkian, Orquestra Sinfo?nica Portuguesa, Orquestra Metropolitana de Lisboa, Orquestra das Beiras, Orquestra do Norte, Orquestra Cla?ssica de Espinho, entre outras.

Antes do concerto, ás 19:45h, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, a directora dialogará co público nunha nova cita do ciclo ‘Conversando con…’.

Entradas á venda

Para ter acceso a función en Santiago, as entradas poden mercarse no despacho de billetes da Zona C ou na web de Compostela Cultura a un prezo de 15€. Por outro lado, para o concerto de Vigo, poden mercarse as entradas a través da plataforma Ataquilla desde 11,70€.