A convocatoria para director/a asistente da Real Filharmonía de Galicia reúne 81 aspirantes de dezasete nacionalidades

A alta participación reflicte o interese que esperta o proxecto artístico da orquestra galega

A Real Filharmonía de Galicia vén de pechar a convocatoria para seleccionar un/a candidato/a para prestar o servizo de director/a asistente para a anualidade 2026-2027, á que se presentaron 81 persoas procedentes de 17 nacionalidades diferentes. Do total, a metade son de orixe española e a outra parte de diferentes países como Colombia, Chile, Itália, Polonia, Alemania, Brasil, Portugal, Suiza, China, Cuba ou Filipinas, entre outros. Unha mostra do atractivo internacional que esperta o proxecto artístico da formación galega.

Esta elevada participación confirma a relevancia da orquestra como espazo de aprendizaxe e colaboración cos profesionais da dirección musical. A Real Filharmonía reafirma así o seu compromiso coa creación de oportunidades para o talento emerxente, ofrecendo unha experiencia única de traballo directo co conxunto e co seu equipo artístico.

O posto de dirección asistente non só supón unha etapa de formación e crecemento para quen o desempeña, senón tamén unha fonte de inspiración e renovación para o propio grupo. As novas ideas, perspectivas e costumes que achegan as persoas participantes contribúen a manter viva a curiosidade artística e o espírito innovador da Real Filharmonía.

Con esta convocatoria, a institución compostelá amosa a súa vontade de seguir sendo unha orquestra aberta aos novos tempos: dinámica, diversa e conectada co mundo. Un proxecto que aposta polo futuro da música e pola transmisión do coñecemento, consolidando á Real Filharmonía de Galicia como un referente.