A carón

REAL FILHARMONÍA DE GALICIA
Baldur Brönnimann, director
Bernhard Zachhuber, clarinete
Sérgio Pires, clarinete

Wolfgang Amadeus Mozart: Concerto para clarinete en La maior, K.622 
Helmut Lachenmann: Accanto (para clarinete, orquestra e cinta magnetofónica)
Dmitri Shostakovich: Sinfonía núm. 9 en Mi bemol maior, Op. 70

Poucas obras encarnan mellor a memoria musical que o Concerto para clarinete de Mozart. Derradeira obra instrumental do compositor, foi escrita para un compañeiro de loxia masónica, e permaneceu durante décadas envolta nunha certa aura de misterio tras desaparecer o manuscrito orixinal. A súa escritura, de extraordinaria suavidade tímbrica, alcanza no Adagio e no luminoso Rondó final algunhas das páxinas máis inspiradas de Mozart. Como un diálogo aberto con esta obra escribiu Helmut Lachenmann Accanto en 1976. O título —«a carón»— expresa a vontade de situarse xunto á tradición sen renunciar á linguaxe da vangarda. Entre os característicos sons lachenmannianos emerxen fragmentos gravados do concerto mozartiano, convertendo a obra nunha reflexión sobre a escoita, a memoria e a permanencia do pasado na creación contemporánea. Un Shostakovich inusualmente despreocupado abre a Sinfonía núm. 9. Escrita en 1945 como parte da triloxía de guerra, despois dun primeiro tempo divertido e circense, o segundo movemento desprega un sobrio lirismo encabezado polo clarinete. Trala lóbrega melodía do cuarto movemento, os sons alegres da trompeta conducen a un galop exultante e burlón que non puido senón decepcionar a un Stalin que agardaba unha obra de heroica pleitesía.

Coa participación do estudantado da EAEM

VEN 28 MAI
Teatro Afundación, 20.00 h
PONTEVEDRA