Rematado o prazo de envío de solicitudes para o taller de dirección orquestral da Real Filharmonía de Galicia, a cifra total referente ao número de inscritos contabilizou máis dun cento de persoas interesadas. En concreto, 130 directores e directoras noveis presentaron a súa candidatura predispostos a acudir ao Auditorio de Galicia para aprender da man do director titular e artístico da RFG, Baldur Brönnimann.
Trátanse de seis persoas seleccionadas, tres directores e tres directoras, nados en Brasil, Italia, Polonia, Reino Unido, España e Suiza. Felipe Biesek; Matteo Dal Maso; Kinga G?owacka, Josephine Korda, Celia Llácer e Benjamin Alfred Voce son os directores e directoras que farán parte desta convocatoria.
Ao final do curso, que terá lugar os días 9, 10, 11 e 12 de decembro, realizarase un concerto aberto ao público coa participación da Real Filharmonía de Galicia e tamén do alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais. Será no día 12 de decembro, ás 20:30 h no Auditorio de Galicia e a entrada será libre ata completar a capacidade.
Esta actividade forma parte do proxecto estratéxico da Real Filharmonía de Galicia de apoio ás novas xeracións de músicos. Deste xeito, ábrense as portas da institución para acoller aos mestres e mestras que se atopen aínda no principio da súa traxectoria profesional e que busquen ampliar a súa formación durante as xornadas de aprendizaxe continuados.