Os (EN)FOCO son concertos comentados que procuran achegar ao público as chaves musicais das obras interpretadas nun ambiente distendido. O primeiro deles achéganos a George Antheil, un excéntrico compositor norteamericano que traballou na industria cinematográfica, como correspondente e como inventor para poder dedicarse á música que desexaba, como é o caso de Archipelago, unha explosión de vitalidade melódica e rítmica. Prosegue o concerto cos sons africanos que inspiran o ballet La Création du Monde do francés Darius Milhaud. Nesta obra o saxofón intégrase para retratar o mundo estético dos felices anos 20 nos que emerxe con forza o jazz, igual que na Rhapsody in Blue, que se estreou en 1924 co propio Gershwin ao piano. O tamén norteamericano Charles Ives fixo en Three Places in New England un retrato sonoro da América deses anos, cos seus himnos patrióticos, melodías de igrexa e músicas de orixe popular enmarcados nunha linguaxe moi cromática, froito dun compositor autoesixente ao límite, que deixou de compoñer no máis completo esquececemento.
Baldur Brönnimann, director
Vasco Dantas, piano
George Antheil: Archipelago
Darius Milhaud: La Création du Monde, op. 81
Charles Ives: Three Places in New England
George Gershwin: Rhapsody in Blue
Coa participación do alumnado da EAEM1
- Entrada con petisco e bebida tras o concerto na cafetería Lasso (18€) ↩︎