“Viaxes”, o lema da nova temporada 2021-2022

A Real Filharmonía de Galicia presentou a temporada 2021-2022, na que se continuará coa celebración do seu 25º aniversario (1996-2021). Celebrará 24 concertos na súa sede, o Auditorio de Galicia, e 15 noutras cidades galegas, baixo o lema Viaxes. Conta coa colaboración do Xacobeo 2021-2022, a Deputación da Coruña e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago.

 

A temporada arrancará o 7 de outubro con Paul Daniel á batuta. Será a estrea do ballet Hildegart do compositor galego Juan Durán, baseado na historia da ferrolá Hildegart Rodríguez Carballeira.

Creación dunha ópera en galego

En coprodución coa Asociación de Amigos da Ópera de Santiago e o Centro Dramático Galego, a RFG ofrecerá a estrea mundial de A sombra de cristal, unha ópera cómica en galego de Fernando Buide, con texto e dirección escénica de Quico Cadaval, escrita por encargo da Real Filharmonía de Galicia. Serán dous concertos, os días 9 e 10 de decembro no Auditorio de Galicia, nos que se contarán coas voces da soprano María Hinojosa e do barítono César San Martín.

Tamén en colaboración con Amigos da Ópera, no Nadal realizaranse dous concertos en Santiago e Lugo cun programa lírico xunto ao contratenor galego Christian Gil Borrelli. Ao longo da temporada acompañarán á orquestra outras grandes voces como a mezzosoprano Sarah Connolly e as sopranos Francesca Aspromonte e Camila Titinger.

Encargos en apoio dos novos compositores galegos e estreas

Durante a temporada a RFG realizará varias estreas, mantendo así o seu compromiso coa creación contemporánea e o apoio a novos compositores galegos, en colaboración co Xacobeo 2021-2022. Ademais da obra de Juan Durán e da ópera de Fernando Buide, presentarase por primeira vez ante o público o primeiro movemento (M?y?) da triloxía Sattva do tamén galego Octavio Vázquez, composta por encargo da RFG. Así mesmo, terá lugar a estrea de Nightfal do trompetista Esteban Batallán. Por outra parte, o compositor Joam Trillo completou o seu arranxo para a RFG da Sétima Sinfonía de Mahler, cuxa estrea será en febreiro. E, por primeira vez en España, soarán obras das compositoras Dora Peja?evi? e Dobrinka Tabakova.

En colaboración co Xacobeo 2021-2022, a Real Filharmonía de Galicia vai presentar en novembro un CD de música galega contemporánea.

Mulleres directoras e solistas de renome nacional e internacional

O director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, Paul Daniel, realizará un total de 9 programas esta temporada. Á fronte da orquestra poranse ademais varias mulleres: Joana Carneiro -principal directora convidada da RFG-, Simone Menezes, Corinna Niemeyer, Jessica Cottis e Delyana Lazarova. Será tamén o debut coa orquestra dos mestres Marc-Leroy Calatayud e Roberto Forés-Veses; e regresarán Enrico Onofri, Timothy Brock e Manuel Hernández-Silva.

Entre os solistas convidados destacan figuras como os pianistas Lars Vogt, Javier Perianes, Josu de Solaun e Gabriela Montero; o violoncellista Nicolas Altstaedt, o violinista Robert Lakatos, o trompetista Esteban Batallán, o bandeonista Claudio Constantini, o percusionista Martin Grubinger e o saxofonista Xabier Casal.

 

VER PROGRAMACIÓN