“Viaxe a Latinoamérica” con Joana Carneiro e Sarah Connolly

A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu concerto semanal de abono o xoves 14 de outubro, ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia. A principal batuta convidada da RFG, a directora portuguesa Joana Carneiro, porase á fronte da orquestra. As entradas xa están dispoñibles na web www.compostelacultura.gal. O concerto poderá seguirse tamén en directo por streaming a través da canle de Youtube da RFG.

Destino Latinoamérica é o título deste segundo programa da temporada Viaxes. Nesta ocasión a Real Filharmonía de Galicia proponnos un periplo musical que se iniciará en México coa obra Discovery do compositor Carlos Chávez (1899-1978).

A continuación soarán as 5 Neruda Songs de Peter Lieberson (1946-2011), un ciclo de cancións de amor realizadas sobre poemas de Pablo Neruda, que serán interpretadas pola mezzosoprano británica Sarah Connolly.

O concerto concluirá con Three Latin-American Sketches de Aaron Copland (1900-1990). Esta obra xorde da gran predilección que o compositor estadounidense sentía pola música de América Latina.

Antes da celebración do concerto, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa coa directora Joana Carneiro, ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.