Baixo o título Tren, barco, avión e outros medios de locomoción, o programa mantén o espírito da lema desta temporada da RFG, Viaxes. O público asistente terá a oportunidade de gozar con pezas moi populares, con diferentes medios de transporte como fío condutor.
O concerto arrincará con Abran paso! da Polka Schnell de Eduard Strauss, que comeza cun sinal de tren que simula iniciar a súa marcha. A continuación soará O voo do moscardo de O conto do tsar sultán de Rimski-Kórsakov, xunto a varios fragmentos da Suite Sinfónica “París” de Jacques Ibert. De México chegará a Música para charlar do compositor Silvestre Revueltas. E do arxentino Astor Piazzolla -do que en 2021 se cumpría o primeiro centenario do seu nacemento- soará a obra Aconcagua para bandoneón y orquesta, que interpretará o bandoneonista Claudio Constantini.
De Eduard Strauss tamén se interpretará Con vapor! da Polka Schnell. Logo os músicos achegarán ao público unha peza de Billy Strayhorn e Harry Warren, arranxada por Iain Farrington, Take the A Train/Chatanooga ChooChoo. De Farrington soarán ademais The sailor’s hornpipe: A Shipshape Shindig (A gaita do mariñeiro: Unha festa no barco) e Wing it!, variacións sobre I got rhythm de George Gershwin. E de Gershwin interpretarase Promenade Walking the Dog (Paseando o can), arranxado por Sol Berkowitz.