Un programa dedicado a Gershwin co director e pianista Wayne Marshall

O concerto desta semana da Real Filharmonía de Galicia celebrarase o xoves 18, ás 20:00 horas, no Auditorio de Galicia. As entradas xa están dispoñibles na web www.compostelacultura.gal. Como todos os concertos da presente temporada, poderá seguirse tamén en directo por streaming a través da canle de Youtube e do Facebook da RFG.

Co título “Rhapsody in Blue”, o programa artéllase ao redor de obras de referencia do compositor estadounidense George Gershwin (1898-1937). O director e pianista Wayne Marshall levará a batuta e interpretará ao piano a peza Rhapsody in Blue de Gershwin. Soarán tamén Porgy e Bess e Un americano en París.

O laureado director, pianista e organista Wayne Marshall

O director, organista e pianista británico Wayne Marshall foi director titular da Orquestra Radiofónica da WDR de Colonia entre 2014 e 2020 e principal director convidado da Orquestra Sinfónica de Milán Giuseppe Verdi en 2007. É un reputado intérprete da obra de Gershwin, Bernstein e outros músicos norteamericanos do século XX.

Ao longo da súa traxectoria Marshall púxose á fronte das principais orquestras en Europa, América e Asia, entre elas La Scala, Sinfónica de Viena, Filharmónica da BBC ou a Filharmónica de Hong Kong, entre outras.

En 2004 recibiu un Doutoramento Honorario pola Universidade de Bournemouth e en 2010 converteuse en membro do Royal College of Music. En 2016 recibiu do Goberno de Barbados o premio Golden Jubilee Award polos seus servizos á música e en 2018 foi nomeado embaixador do London Music Fund.