O programa leva por título Viaxe interior, en liña co fío condutor desta temporada da Real Filharmonía de Galicia, “Viaxes”. O público asistente terá a oportunidade de escoitar a Sinfonía núm. 7 de Gustav Mahler (1860-1911). Esta obra monumental é a súa sinfonía máis moderna, na que o compositor une ideas aparentemente contraditorias, en especial o seu último movemento, coa súa mestura de estilos e cambios de ritmo. Reflicte unha viaxe cara a un lugar descoñecido, atopando múltiples dificultades no seu percorrido.
Será a estrea da orquestración en versión reducida que o compositor galego Joam Trillo realizou por encargo da Real Filharmonía de Galicia.
Conversando co mestre Paul Daniel e o compositor Joam Trillo
Antes da celebración do concerto, o público poderá manter unha charla previa co mestre Paul Daniel e co compositor Joam Trillo. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “Convers@ndo con”, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.