Regreso aos escenarios cun concerto homenaxe a Beethoven

A Real Filharmonía de Galicia regresa aos escenarios este xoves, 25 de febreiro, despois do parón propiciado pola situación sanitaria. Baixo o título “Viva Beethoven”, o concerto será unha homenaxe ao xenial compositor. Comezará ás 20:00 horas no Auditorio de Galicia, cun 30 % de aforamento permitido, e as entradas xa están dispoñibles na web www.compostelacultura.gal. A batuta levaraa o mestre luso Nuno Coelho, no que será o seu debut coa orquestra. Como todos os concertos da presente temporada, poderá seguirse en directo por streaming a través da canle de Youtube e do Facebook da RFG.

O director Nuno Coelho

O mestre Nuno Coelho, gañador do Concurso Internacional de Dirección de la Orquestra de Cadaqués en 2017, é director convidado da Orquestra Gulbenkian. Foi director asistente da Filharmónica dos Países Baixos no período 2015-2017. Colaborou como asistente con mestres do talle de Bernard Haitink, Susanna Mälkki, Andris Nelsons, Christoph von Dohnányi ou Gustavo Dudamel, entre outros. Como director no programa “Dudamel Fellowship”, púxose á fronte da Filharmónica de Los Ángeles en numerosas ocasións.

Nacido en 1989, Nuno Coelho completa os seus estudos de violín en Austria e Bruxelas e posteriormente fórmase en Dirección na Escola Superior de Artes de Zúric. Gañou o primeiro premio no Concurso de Dirección de Radio de Portugal e foi finalista no Concurso de Jóvenes Directores do Festival de Nestlé e no Concurso de Novos Directores de Salzburgo.