Manuel Veiga Martínez

Fagot

Nacido na Coruña, comezou os seus estudos de fagot no ano 1995 con Guezim Malaj, primeiro fagot da Banda Municipal da Coruña, co profesor Emilio Ubach no conservatorio da mesma cidade e, posteriormente, cos profesores Jesús Coello e Lluís Domínguez. Foi membro da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia, da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE) e da Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela, onde estudou durante un período de catro anos con Juan Carlos Otero.

 

Realizou estudos superiores no Conservatorio Superior de Música do País Vasco (Musikene) cos mestres David Tomás Real, Edurne Santos, Vicente Alario e Midori Kitagawa. Dende o inicio dos seus estudos musicais recibe unha ampla formación en música de cámara e orquestral, coa influencia, ao longo de toda a súa carreira, de importantes músicos e intérpretes como Francisco Alonso, Andreas Sunden, Eduardo Martínez, Steve Harriswangler, Gabor Mezzaros ou Vicenzo Menghini, entre moitos outros. Ten colaborado con varias das orquestras máis destacadas de España e ten sido convidado en múltiples ocasións para realizar cursos de especialización de fagot, master classes e recitais como solista. É fagot coprincipal da Real Filharmonía de Galicia dende o ano 2004, orquestra coa que participou como solista en 2015, realizando tamén, ao longo destes anos, diversos proxectos de cámara con agrupacións diferentes dentro e fóra da orquestra.

 

Compaxina o seu traballo na orquestra coa actividade docente, que leva a cabo como profesor da Escola de Altos Estudos Musicais.