Jordi Ortega

Trompa

Comeza os seus estudos musicais na súa localidade natal, na Sociedade Unión Musical de Benimodo (Valencia), da man do profesor Juan A. Boronat. Continúa a súa formación no Conservatorio Superior de Música “Joaquín Rodrigo” de Valencia e posteriormente estuda en Alemaña co profesor Eric Terwilliger, trompa solista da Orquestra Sinfónica da Radio de Baviera. O seu labor profesional comeza no ano 1996, coincidindo coa creación da Real Filharmonía de Galicia, primeiro como trompa coprincipal e logo como trompa principal, posto que desempeña na actualidade. Como solista interpretou en 2006 xunto á RFG e baixo a dirección de Maximino Zumalave o concerto Mondariz para trompa e orquestra de Juan Durán. Habitualmente é convidado a colaborar coas principais orquestras españolas. Como profesor de trompa desenvolve o seu labor pedagóxico principalmente na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago de Compostela, en diversos cursos de especialización instrumental e en diferentes encontros musicais e orquestrais. Fundador e membro do cuarteto de trompas “Filhartrompía Quartet”, destaca a gravación do seu primeiro disco, titulado “All4horn”, e os seus concertos en diferentes puntos da xeografía española.