Elina Viksne

Violín

Nace en Riga, Letonia, comeza os seus estudos de violín con tan só cinco anos no seu país de orixe e da man da súa nai, Inara Vecbastika. Desde 1987 prosegue a súa formación na Escola Especial de Música de Emils Darzins, en Riga, coa profesora Dace Berzaya, terminando o Grado Medio en 1999 na súa especialidade, violín. Nesta mesma etapa realiza cursos de perfeccionamento de violín e música de cámara con Yanis Rinkulis en Letonia, coa mestra Sylvie Gazeau en Sion (Suiza), e en España con Giorgiu Fedorenko. En 2001 segue os seus estudos no Conservatorio Superior de Música de A Coruña co profesor Rogelio Groba. En 2003 obtén titulación en especialidades de violín e Música de Cámara. Nese mesmo ano chega a formar parte da Orquestra de Cámara Galega. Como alumna destacada realizou recitais desde os 10 anos en Letonia, Lituania, Francia, Suiza, Portugal e España, colaborando con pianistas como Lili Sarkisyan , Anxo González e Ileana Cortizo. Durante a súa época de formación participou en numerosos concursos obtendo diversos premios entre eles: Grand Prix no Balys Dvarionas II Internacional Competition of Young Pianists and Violinists en Vilnius, Lituania, e Diploma pola mellor interpretación da música Barroca, 1992 e os primeiros premios no Concurso Nacional de Letonia; no Concurso Internacional de Letonia e no Concurso Internacional Vila de Sahagún en Sahagún, España. Como docente desenvolveu unha importante actividade en diferentes centros e cursos; no Centro Autorizado de Música de Grado Elemental e Medio Santa Cecilia en Madrid, o Colexio Antonio Machado (Centro Autorizado de Música de Grado Elemental e Medio) en Salamanca, e o Conservatorio Profesional da Estrada (Pontevedra).

Na súa crecente actividade concertista destaca o proxecto de Piano Trío do que é integrante xunto á pianista Ilona Timchenko e a violonchelista Bárbara Switalska. Desde 2006 é integrante da Real Filharmonía de Galicia.