Paul Daniel dirixe “En Tránsito”, con obras de Pejacevic, Poulenc e Prokófiev

A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá un concerto o 24 de novembro no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:00 horas, froito da colaboración que a RFG mantén coa Sociedade Filarmónica de Vigo. O concerto semanal de abono, que se enmarca dentro do ciclo de piano Ángel Brage, será o xoves 25, ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia. As entradas para o concerto de Santiago xa están dispoñibles na páxina web www.compostelacultura.gal e poderá seguirse tamén en directo por streaming a través da canle de Youtube da RFG (excepto a primeira obra, debido aos dereitos de autor).

Baixo o título En Tránsito, ambos os concertos, dirixidos polo director titular e artístico da RFG, o mestre Paul Daniel, arrincarán co Concerto para piano nº 2 de Serguéi Prokófiev (1891-1953), que interpretará o pianista Josu de Solaun.

Nestes concertos interpretarase ademais a Abertura en re da compositora croata Dora Pejacevic (1885-1923). O broche final porao a Sinfonietta de Francis Poulenc (1899-1963).

De nacionalidade española e estadounidense, Josu de Solaun é o gañador do XIII Concurso Internacional de Piano George Enescu de Bucarest (2014), converténdose no primeiro español en gañar este certame. Así mesmo, obtén o Primeiro Premio no XV Concurso Internacional de Piano José Iturbi de Valencia, sendo de novo o único pianista español galardoado nas súas máis de 30 edicións. En 2009 recibe o Primeiro Premio e Premio de Público no Primeiro Concurso de Piano da Comunidade Europea celebrado en Praga, onde foi elixido como único pianista representante de España.