Paul Daniel dará por finalizada a súa etapa como director artístico e titular da Real Filharmonía de Galicia en decembro de 2022

Paul Daniel, director artístico e titular da Real Filharmonía de Galicia dende 2013, acaba de comunicar a súa decisión de renunciar á titularidade da orquestra ao rematar o vixente contrato, en decembro de 2022.

No seu escrito de renuncia, o director británico expresa a complexidade de tomar unha decisión como esta: “É moi difícil atopar o xeito de tomar unha decisión como esta porque a miña relación coa RFG é longa e chea de recordos inesquecibles. Por citar só un deles, esta mesma temporada, na que celebramos o 25 aniversario da orquestra, e que resultou moi especial por tantos motivos: polos encargos, todos eles a compositores galegos, dun novo ballet, unha nova ópera, a estrea dunha nova composición orquestral a grande escala e a continuación dos arranxos sobre o ciclo das sinfonías de Mahler. Tamén por todos os novos directores, directoras e solistas que convidamos, polas actividades que realizaremos vencelladas ao Xacobeo... Con todo, lembro ben que, ao comezo do meu período, declarei que consideraba que ningún director titular debía ocupar o cargo máis de dez anos. Naquel intre ningún de nós sabiamos como irían as cousas e hoxe síntome o director máis afortunado do mundo por ter traballado durante todo este tempo de maneira tan positiva e frutífera co grupo tan marabilloso de músicos e profesionais que conforman a Real Filharmonía de Galicia”.

Nesta traxectoria de dez anos á fronte da formación compostelá, o traballo do mestre Daniel destaca polo seu firme compromiso coa promoción e difusión da música feita en Galicia, pola coidada relación que desenvolveu cos diferentes axentes culturais da comunidade, pola apertura cara a novos formatos de concertos na procura de novos públicos e polo continuo diálogo con outras manifestacións musicais, ademais da consolidación da programación de abono da RFG como unha das máis orixinais e sólidas de España.

A Real Filharmonía de Galicia e o Consorcio de Santiago están profundamente agradecidos ao mestre Paul Daniel por estes dez anos de produtiva colaboración, sentimento que resulta mutuo. Nesta liña, segundo palabras do propio mestre, “un director musical ten moitas responsabilidades, pero, por riba da programación da temporada, por riba da introdución de novas iniciativas, do encargo de novos traballos, da promoción da música galega, das xiras e das gravacións… por riba de todo iso, o máis importante é o noso público e os músicos da orquestra”.

“Malia esta despedida, a colaboración entre a RFG e Paul Daniel, que dirixirá proximamente a RFG o día 24 de febreiro, seguirá no futuro máis alá de 2022, como non podía ser doutro xeito, e na axenda xa están marcadas, para 2023, varias datas nas que realizaremos fermosos proxectos xuntos” -indican-. O Consorcio de Santiago e a Real Filharmonía de Galicia salientan “o lugar destacado que xa ocupa Paul Daniel na historia da música galega, desta cidade e desta orquestra, pero especialmente nos corazóns de toda a veciñanza de Compostela e de toda Galicia, por conseguir que a música clásica chegue a todos compartindo o seu infinito talento”.

Pola súa parte, Paul Daniel pecha con estas palabras a súa misiva: “Non é un momento para falar de historia, é un momento para mirar cara adiante. Ofrézovos o traballo desenvolto, agardando con ansias o vindeiro capítulo da vida da nosa marabillosa RFG, que sei que ten tantos novos tesouros musicais que traer a Galicia”.

O Consorcio de Santiago e a Real Filharmonía de Galicia procurarán ao longo do ano un relevo á altura da súa traxectoria.

O Mestre Paul Daniel atenderá aos medios de comunicación nas vindeiras ocasións nas que se atope dirixindo a orquestra na cidade.