Obras de Mozart, Martinu e Dvorák con Roberto Forés-Veses

A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu concerto semanal de abono este xoves, 10 de marzo, ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia. A batuta levaraa o mestre valenciano Roberto Forés-Veses, no que será o seu debut coa RFG.

O programa, que leva por título Praga-Bohemia, propón unha viaxe musical que comezará coa Abertura Don Giovanni de Mozart. A continuación soará La Bagarre do compositor austrohúngaro Bohuslav Martinu. O broche final do concerto porao a Sinfonía núm. 7 de Antonín Dvorák.

Conversando co mestre Roberto Forés-Veses

Antes da celebración do concerto, o público terá a oportunidade de manter unha charla co mestre Roberto Forés-Veses. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “Convers@ndo con”, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Nacido en Valencia, o mestre Forés-Veses gañou certames de dirección tan prestixiosos como o “Evgeny Svetlanov” ou o “Luigi Mancinelli International Opera”. De 2011 a 2021 foi Director Principal e Director Artístico da Orquestra Nacional de Auvergne. Ao longo da súa traxectoria púxose á fronte das principais orquestras de todo o mundo e nas salas de concerto máis relevantes.

Recentes e vindeiros compromisos inclúen debuts e regresos, entre outras, coa English Chamber Orchestra (no Cadogan Hall de Londres), Orquestra Sinfónica e Coro Sinfónico de Milán Giuseppe Verdi, Hong Kong Sinfonietta, Sinfonietta de Lausanne, Orquestra Nacional dos Países do Loira, Orquestra Nacional Burdeos-Aquitania ou Orquestra de Valencia. Conducirá unha xira nacional coa Camerata de Israel, xirará coa Orquestra Nacional de Auvergne por Montecarlo e porase á fronte dunha coprodución de A somnámbula de Bellini en catro salas de ópera de Francia.