O recoñecido pianista Javier Perianes dirixe e toca coa Real Filharmonía nun concerto dedicado a Austria

O concerto será o xoves 28 de abril ás 20.30h no Auditorio de Galicia

A Real Filharmonía de Galicia celebra este xoves día 28 no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela un novo concerto da súa temporada ‘Viaxes’ que levará por título Austria: ida e volta’ e no que o recoñecido pianista Javier Perianes dirixirá e tocará ao piano dúas obras de Mozart e Beethoven.

Nesta cita, Perianes interpretará o Concerto para piano nº 9 en Mi b maior, KV. 271 “Jeunehomme” de Wolfgang Amadeus Mozart e o Concerto para piano nº 3 en do menor, op. 37 de Ludwig Van Beethoven.

Un recoñecido pianista
A carreira internacional de Javier Perianes levouno a actuar nas salas de concertos máis prestixiosas do mundo e coas principais orquestras, colaborando con directores como Daniel Barenboim, Charles Dutoit, Zubin Mehta, Gustavo Dudamel, Klaus Mäkelä, Sakari Oramo, Yuri Temirkanov, Gianandrea Noseda, Ivan Fischer, Gustavo Gimeno, Santtu-Matias Rouvali, Simone Young, Juanjo Mena, Vladimir Jurowski, David Afkham, François-Xavier Roth ou Daniel Harding, e actuando en festivais como os BBC Proms, Lucerna, La Roque d’Anthéron, Grafenegg, Primavera de Praga, Ravello, Stresa, San Sebastián, Santander, Granada, Vail, Blossom e Ravinia. Javier Perianes é Premio Nacional de Música 2012 e Artista do Ano 2019 dos International Classical Music Awards (ICMA). O pasado mes de xuño Perianes foi distinguido coa Medalla de Honor del Festival de Granada como recoñecemento á súa longa relación co Festival, onde foi Artista en Residencia en 2021.

A temporada 2021/22 inclúe debuts coa Orquestra Filarmónica de Luxemburgo, Sidney Symphony, Aurora Orchestra e a Kristiansand Orchestra, así como a súa volta ás Sinfónicas de San Francisco e Toronto xunto a Gustavo Gimeno, e a estrea mundial do Concerto para piano e orquestra do compositor peruano Jimmy López, que terá lugar no Royal Festival Hall de Londres xunto á London Philharmonic Orchestra e Klaus Mäkelä, e que Perianes levará tamén a Sao Paulo xunto á Orquestra Simfonica do Estado de Sao Paulo e Alexander Shelley. Porén, fará numerosas aparicións na súa dobre faceta de pianista e director xunto a orquestras como a Orchestre de Chambre de Paris, Orquesta de Tenerife, Orquesta Ciudad de Granada, ADDA Simfónica, Orquesta Sinfónica del Principado de Asturias ou a Real Filharmonía de Galicia este xoves.

Perianes ofrece habitualmente recitais por todo o mundo, e tamén é un activo intérprete de música de cámara, colaborando regularmente coa violista Tabea Zimmermann e o Cuarteto Quiroga. Esta temporada levará o seu programa El Amor y la Muerte, que inclúe obras de Beethoven, Chopin, Granados, Liszt e Wagner-Liszt, a cidades como Berlín (Boulez Saal), Florencia, Sao Paulo, Bogotá, Valencia, Zaragoza, Mainz ou Abu Dhabi.

Entradas á venda
As entradas para o recital deste xoves no Auditorio de Galicia atópanse á venda na web compostelacultura.gal a un prezo de 15€.