Xoves músicos de Galicia, Francia, Holanda e Rusia tocan coa RFG na clausura de “Peregrinos Musicais”

luns, 2 Xullo, 2018

O VIII Festival Internacional Peregrinos Musicais, cuxa finalidade é apoiar a novos talentos galegos e doutros países, clausúrase este mércores, 4 de xullo, como é habitual, cun concerto coa Real Filharmonía de Galicia (RFG). A orquestra, dirixida nesta ocasión polo seu director asociado, o mestre compostelán Maximino Zumalave, acompañará a músicos noveis de Galicia e tamén procedentes de Francia, Holanda e Rusia. Esta cita terá lugar ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia.

 

Do total de once mozos que foron seleccionados para participar nesta edición do festival, todos eles de entre 15 e 20 anos de idade, escolléronse a cinco para intervir como solistas neste concerto coa RFG. Trátase dos galegos Beatriz Sánchez, frautista da Coruña; e Andrea González, saxofonista de Vigo. Ademais, contarase coa violinista francesa Dupille Charlotte, coa pianista rusa Linkova Anna e a violinista holandesa Luna Xiaoli.

 

Obras para violín, frauta, piano e saxofón

 

No transcurso da actuación o público asistente terá a oportunidade de escoitar fragmentos de pezas ou obras completas pertencentes a diferentes épocas e estilos. Así, o programa inclúe o Concerto para violín nº 3 de Mozart, o Concerto para frauta nº 1 tamén de Mozart, o Concerto para piano nº 3 de Beethoven, o Concerto para violín nº 1 do compositor alemán Max Bruch e a Fantasía para saxofón do brasileiro Heitor Villa-Lobos.

 

A primeira experiencia tocando cunha orquestra profesional

 

A directora artística deste certame de música clásica é a pianista rusa afincada en Santiago Ilona Timchenko. Salienta que “a través deste festival conséguese dar respaldo e proxección internacional a xoves promesas que moi pronto serán profesionais da música. É un xeito de poñer ao seu alcance grandes escenarios. Gozan dunha ocasión única para tocar como solistas cunha orquestra de tanto prestixio como é a Real Filharmonía de Galicia”. Así, para a maioría dos rapaces será a primeira vez que toquen cunha orquestra profesional, o que “representa un paso moi importante na carreira de calquera músico”.