A RFG realiza unha xira de concertos en homenaxe a José Arriola

luns, 8 Outubro, 2018

A Real Filharmonía de Galicia inicia esta semana unha xira de concertos polas cidades de Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo en homenaxe ao compositor José Arriola, coñecido como o “Mozart galego”. Esta iniciativa, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, arranca este xoves, 11 de outubro, cun concerto no Auditorio de Ferrol, ás 20:30 h. A vindeira semana a xira continuará no Círculo das Artes de Lugo (día 17, 20 h); no compostelán Auditorio de Galicia (18, 20:30 h); e rematará no Teatro Afundación de Vigo o día 19, cun concerto que tamén comezará ás 20:30 h. O mestre Maximino Zumalave, director asociado da RFG, será o encargado de levar a batuta nestes catro concertos.

 

Baixo o título “A revelación”, os concertos comezarán co Preludio do acto I de Guntram, a primeira ópera de Richard Strauss (1864-1949), que foi mestre de Composición de Arriola en Leipzig. Ambientada na Alemaña medieval, relata unha historia de amor triangular entre o trobador Guntram, o malvado duque Robert e a súa esposa Freihild.

 

De seguido os músicos tocarán varias obras ata o de agora inéditas do betanceiro José Arriola (1895-1954), que están recollidas no último disco da RFG: José Arriola. Orquestral Music, gravado nun proxecto de colaboración entre o Consorcio de Santiago e o Consello da Cultura Galega, que en breve sairá á luz. Trátase de tres das Seis poesías de Antonio Machado e un dos Tres textos cervantinos. Para a interpretación destas pezas contarase coa participación do barítono coruñés Javier Franco, formado na Escuela Superior de Canto de Madrid e no Conservatorio Superior de Música del Liceu de Barcelona, con mestres do talle de Alfredo Kraus. A súa presenza é habitual en teatros de toda España, Italia e Portugal, colaborando cos mellores directores de orquestra.

 

Na segunda parte dos concertos o público poderá escoitar Una aventura de Don Quijote, do compositor vasco Jesús Guridi (1886-1961), coetáneo de Arriola. É un poema sinfónico inspirado nos capítulos VIII e IX da novela Don Quijote de la Mancha de Cervantes.

 

Estas citas musicais concluirán cunha selección da obra Intermezzo de Richard Strauss.

 

Charla previa co compositor galego Joam Trillo

 

Antes da celebración do concerto do xoves 18 de outubro en Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co compositor galego Joam Trillo, o responsable de editar as partituras inéditas de Arriola. Será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “Convers@ndo con”, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.