A RFG presenta un disco con obras inéditas do compositor galego José Arriola

mércores, 21 Novembro, 2018

A Real Filharmonía de Galicia e o Consello da Cultura Galega presentaron esta mañá o disco José Arriola. Orchestral Music, con obras inéditas do compositor galego. É o resultado dun proxecto de colaboración entre o Consorcio de Santiago e o Consello da Cultura Galega que arrincou en 2010 coa edición das obras completas e a gravación no Auditorio de Galicia dun dobre CD, que sae agora á luz da man do selo discográfico Brilliant Classics. No acto de presentación estiveron a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; e o director asociado da orquestra, o mestre compostelán Maximino Zumalave.

 

Este dobre CD é unha homenaxe ao betanceiro José Arriola (1895-1954), o compositor galego máis universal do seu tempo e un dos máis relevantes dentro do panorama nacional. É coñecido como o “Mozart galego” debido ás súas precoces composicións (con 3 anos xa compoñía) e ás súas cualidades pianísticas, que o levarían a tocar nos escenarios internacionais máis prestixiosos como a Ópera de Berlín ou o Carnegie Hall de Nova York, xerando unha enorme expectación. Foi discípulo de Richard Strauss, profesor seu de Composición en Leipzig.

 

O primeiro CD inclúe as obras Concertino para piano e orquestra e Divertimento concertante para dous pianos e orquestra. E o segundo recolle tres das Seis poesías de Antonio Machado: La aurora asomaba (El cadalso), La primavera besaba e Epílogo (Antonio Machado. Su destino); ademais de Tres textos cervantinos e Concerto para trompa e orquestra.

 

A Real Filharmonía de Galicia comezou a gravar este disco en 2010, baixo a batuta do mestre Maximino Zumalave, director asociado da RFG. Contouse ademais coa colaboración do pianista leonés Joaquín Soriano, o dúo de pianistas malagueños Víctor & Luis del Valle, a soprano viguesa Carmen Durán, a mezzosoprano guipuscoana Ainhoa Zubillaga, o barítono coruñés Javier Franco, o tenor madrileño Francisco Santiago e o trompista vigués David Fernández.

 

Partituras inéditas

 

Este traballo discográfico representa un importante labor de recuperación do patrimonio musical galego. Ademais, vén a completar un traballo iniciado en 2010 cando, a raíz do convenio de colaboración co Consorcio de Santiago, o Consello da Cultura Galega editou o libro Sobre Arriola. Esta publicación recolle aspectos biográficos, documentais e de difusión dun material inédito que apareceu por casualidade na residencia de anciáns Mi casa de Ferrol, onde pasou os seus derradeiros días a herdeira do compositor, a súa irmá Carmen Osorio. O libro está integrado na publicación Arriola, unha obra musical, que reúne, ademais, un total de 9 libros que conteñen as partituras rescatadas do autor, ademais de comentarios e notas da edición realizada polo compositor galego Joam Trillo.

 

A publicación compleméntase con este dobre CD, que recolle unha selección das partituras orquestrais rescatadas, co fin de dar a coñecer unha obra de gran transcendencia histórica e con plena vixencia artística.

 

Estamos ante a música dun pródigo autor do que, desafortunadamente, se perdeu a meirande parte da súa obra, xunto á súa biblioteca e discografía, cando a súa casa de Berlín foi bombardeada durante a II Guerra Mundial.

 

A obra gravada neste traballo discográfico sitúanos nunha etapa creativa e vital do compositor, con obras escritas a partir de 1946, cando establece o seu domicilio en Barcelona. Cronoloxicamente, a súa obra correspóndese ao segundo momento máis luminoso da creación musical de España, cunha música cargada de significado e melancólico lirismo.

 

Xira de concertos

 

O pasado mes de outubro a Real Filharmonía de Galicia realizou unha xira de concertos polas cidades de Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo, coa colaboración da Consellería de Cultura. Nesta xira, homenaxe ao compositor José Arriola, a orquestra interpretou varias das obras recollidas neste dobre CD.