A RFG inaugurará o “XLVI Ciclo de Grandes Autores e Intérpretes de la Música” no Auditorio Nacional

xoves, 31 Maio, 2018

A Real Filharmonía de Galicia inaugurará a temporada 2018-2019 do “XLVI Ciclo de Grandes Autores e Intérpretes de la Música”, promovido polo Centro Superior de Investigación y Promoción de la Música da Universidad Autónoma de Madrid. O concerto terá lugar o día 26 do próximo mes de outubro, no Auditorio Nacional de Música de Madrid.

 

Neste concerto inaugural a Real Filharmonía de Galicia interpretará un programa que xirará ao redor da figura do compositor romántico Felix Mendelssohn (1809-1847). Estará dirixido polo mestre londiniense Jonathan Webb e contará co violinista búlgaro Svetlin Roussev como solista.

 

Un programa centrado en Mendelssohn

 

A cita musical arrincará coa Abertura As Hébridas, composta no ano 1830, inspirada nas illas escocesas. Mendelssohn, de viaxe en Escocia, visitou As Hébridas e en particular a illa de Staffa, onde quedou marabillado pola Gruta de Fingal e inmediatamente iniciou a escritura deste poema sinfónico. É unha das primeiras obras musicais que trata da descrición dunha paisaxe. No primeiro tema descríbese a citada cova, transmitindo o sentimento de soidade, e no segundo represéntase o movemento do mar e das ondas.

 

O Concerto para violín representa a última gran obra orquestral do compositor alemán, converténdose nun dos concertos para violín máis populares e interpretados de todos os tempos. Estreada no ano 1845, trátase dunha obra innovadora para a época. Co paso do tempo, converteuse nunha peza esencial para todos os virtuosos do violín.

 

A Sinfonía nº 8 é unha das doce sinfonías compostas por Mendelssohn cando tiña entre 12 e 14 anos, que adoitaba presentar na casa cunha orquestra privada para os socios e amigos dos seus pais que formaban parte da elite intelectual de Berlín. A número 8 escribiuna en apenas unhas semanas.

 

O virtuosismo de Svetlin Roussev, violinista principal da Orquestra Filharmónica de Radio Francia e da Filharmónica de Seúl

 

O Concerto para violín será interpretado polo virtuoso búlgaro Svetlin Roussev, que comezou a súa educación musical a moi curta idade coa súa nai, profesora na escola de música da súa cidade natal, Ruse. En 1991 foi aceptado no Conservatorio Nacional Superior de París e tres anos despois foi galardoado co Primeiro Premio summa cum laude de violín e co Primeiro Premio  de Música de Cámara. Na súa traxectoria recibiu numerosos premios en concursos internacionais.

 

Roussev afronta con gran virtuosismo e intensidade un amplo rango de repertorio, desde o barroco á música actual. Recoñécense especialmente as súas interpretacións do repertorio eslavo e é un dos principais difusores da música búlgara. É convidado con regularidade por orquestras en Europa, Asia e América; e traballou baixo a batuta de grandes directores.

 

Na actualidade é profesor de violín no Conservatorio Superior de Música de París e concertino da Orquestra Filharmónica de Radio Francia e da Filharmónica de Seúl. Toca un Stradivarius de 1710, cedido pola Fundación da Música Nipoa.